POLÍTICAS SOCIAIS

Inaugurada na praza do Obradoiro a exposición fotográfica "Refuxiados sen camiño", de Gabriel Tizón

03/04/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, inaugurou a exposición Refuxiados sen camiños, do fotógrafo Gabriel Tizón, que a cidadanía poderá visitar na praza do Obradoiro durante este mes de abril. No acto, ao que asistiron outros integrantes da Corporación, tamén interviñeron o autor e un representante dos refuxiados, Zaid Alhamwy.

Logo do paso polo Obradoiro en abril, e exposición estará durante o mes de maio en Xoán XXIII, e en xuño na praza Roxa. Ademais virá acompañada dunha mostra de pequeno formato que se exporá nos vindeiros meses nos CSC do Castiñeiriño, A Trisca, Conxo, A Rocha e O Ensanche.

Trátase dun total de 22 paneis de gran formato (aproximadamente 2 metros) que amosan 80 fotografías de Gabriel Tizón durante o seu traballo nos campamentos de refuxiados de Idomeni (Turquía).

Gabriel Tizón
Traballou como fotógrafo en El Correo Gallego e en La Voz de Galicia ata o ano 2000. Nese ano comezou a traballar como freelance, colaborando habitualmente con axencias, xornais e revistas nacionais e internacionais, entre as que destacan The New York Times, The Guardian, El Mundo ou El Periódico de Cataluña.

Ademais desta exposición en Santiago realizou outras, tanto individuais como colectivas, ao longo de todo o Estado e en países como Estados Unidos, Bélxica, Guinea, Italia, Francia, Senegal e Holanda, sendo representado pola Galería Flat File de Chicago dende o ano 2001 ao 2005.

Entre os premios e galardóns recibidos por Gabriel Tizón destacan o Premio de Honra do Festival Internacional AsisaFoto, o primeiro Premio Internacional Photo Competiticion on Climate Justice de Amsterdam ou o Primeiro Premio "Ciudad Vieja" da cidade de Santiago de Compostela.

Compartir: