ALCALDÍA

O alcalde asiste en Cuenca á Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio

02/04/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou este sábado en Cuenca na Asemblea Xeral do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España. O máximo órgano de goberno do Grupo aprobou por unanimidade o seu orzamento para 2016, que ascende a 990.000 euros. Ademais, na reunión púxose de manifesto que a situación económica da entidade está mellorando con respecto aos últimos exercicios.

Tamén por unanimidade, a Asemblea Xeral do Grupo deulle o visto bo ao Portal de Transparencia das Cidades Patrimonio, que xa se puxo en marcha na web oficial, www.ciudadespatrimonio.org. Nel pódense consultar os presupostos da entidade, os convenios que ten subscritos ou os acordos adoptados en asemblea. Tamén recolle a información sobre as subvencións recibidas polo grupo.

App de Turismo Accesible
A Asemblea Xeral de Cuenca serviu para facer un repaso polo estado no que se atopan os diferentes proxectos que ten en marcha o Grupo, algúns deles de especial interese para Compostela. Así, informouse de que no próximo mes de xullo estará dispoñible a app de Turismo Accesible de Santiago, elaborada no marco do proxecto Appside. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Fundación Orange e GVAM, ao que se sumou o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade co obxectivo de que todas os seus membros conten cunha aplicación móbil accesible para todos os seus visitantes, en particular para os que teñen algunha discapacidade visual ou auditiva.

A app incluirá varios recorridos e contidos audiovisuais, que axudarán a que os visitantes tomen consciencia do valor do patrimonio de Compostela. A aplicación, que xa funciona en cidades do grupo como Ávila ou Cuenca, será gratuíta e poderase descargar en teléfonos móbiles iOS e Android.

Tamén da Área de Turismo, o Grupo de Cidades Patrimonio concretou na Asemblea de Cuenca as próximas presentacións a touroperadores nas que vai participar. Entre elas destaca a colaboración con Turespaña para desenvolver algunhas actuacións en China, nas que vai participar unha técnica de Turismo de Santiago. O Grupo de Cidades Patrimonio tamén ten previsto desenvolver accións de promoción en Estados Unidos, Canadá, Xapón ou Portugal. No eido estatal, haberá presentacións en Málaga e Madrid.

Por último, na Asemblea presentáronse as guías de cada cidade elaboradas polo Grupo, e que están dispoñibles en galego, catalán, español e inglés.

Outros proxectos
A Asemblea Xeral do Grupo de Ciudades Patrimonio informou do desenvolvemento da III edición do programa pedagóxico Aula de Patrimonio, que nas últimas semanas está levando de intercambio a estudantes de secundaria das distintas cidades membro.

Tamén se estudou a situación de proxectos en marcha nos campos do patrimonio, arqueoloxía, medio ambiente, seguridade, accesibilidade e mobilidade. Nesta área destaca a presentación, en marzo, do Libro Branco da Mobilidade nas Cidades Patrimonio, que analiza problemas comúns das 15 cidades membros en relación ao tráfico nas súas zonas históricas.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade celebrará a súa próxima Asemblea en Toledo, o 25 de maio.

Compartir: