ACCIÓN CULTURAL

Acción Cultural abrirá unha convocatoria de subvencións de apoio a actividades culturais

01/04/2016 A Concellaría de Acción Cultural está traballando nas bases reguladoras dunha convocatoria aberta de subvencións de apoio, en metálico ou en especie, a actividades culturais para este ano 2016. Serán presentadas nos vindeiros días pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

A Concellaría quere contribuír con elas á recuperación da vitalidade da cidade mediante a identificación e promoción de iniciativas que xorden do tecido cultural de Compostela, e fomentar o seu desenvolvemento autónomo e consolidación.

Con esa finalidade, esta convocatoria tenta favorecer a diversificación de propostas e potenciar novos ámbitos de creación artística e o diálogo entre tradición e vangarda; promocionar espazos que acollan as actividades e integrar nestas á Rede de Centros Socioculturais; potenciar novos usos doutros ámbitos privados e públicos como parques, prazas, rúas, mercados, bibliotecas, centros escolares, etc. Ademais, a convocatoria persigue a remuneración xusta do traballo dos axentes creativos e culturais, tendo en conta a situación de precariedade do tecido cultural.

As bases, que se presentarán a vindeira semana en rolda de prensa, conterán os criterios e o procedemento de concesión das subvencións dirixidas á promoción de actividades culturais e artísticas de amplo espectro orientadas a todo tipo de públicos e idades, que respondan aos criterios xerais de valor artístico, interese social, diversidade, redistribución territorial, desestacionalización e traballo en rede.

Compartir: