ACCIÓN CULTURAL

Xestores e usuarios repensaron a cultura da cidade esta semana nun obradoiro organizado pola Concellaría de Acción Cultural

01/04/2016 Xestores culturais do Concello e de diversas asociacións e entidades debateron esta semana arredor da situación da cultura na cidade nun obradoiro que organizou a Concellaría de Acción Cultural sobre mediación cultural. Celebrouse en quendas de mañá e tarde dende o luns e ata este venres no Local Sociocultural da Caramoniña, con asistencia de balde e baixo o título "Pensar a mediación cultural. Que flúa!".

Impartiron os talleres David Rodríguez AKA Tina Paterson e Jordi Claramonte, dous dos impulsores do proxecto de Tabakalera en Madrid, activistas culturais e expertos en mediación. No transcurso do obradoiro visitouse a Casa da Xuventude e reflexionouse arredor dos usos que se lle poden dar ao edificio logo que o Concello recuperase a titularidade municipal e anunciara a súa intención de entregarllo aso colectivos cidadás para que funcione mediante un modelo tutelado de autoxestión.

A Concellaría de Acción Cultural programou estes dous talleres destinados a persoas pertencentes a entidades e asociacións que desenvolvan proxectos de ámbito local ou pretendan poñer en marcha experiencias de mediación cultural sobre Santiago de Compostela. Os talleres, conducidos por David Rodríguez (AKA Tina Paterson) e Jordi Claramonte, pretendían achegar dun modo participativo un resumo crítico das características do traballo do mediador cultural, centrándose no contexto específico de Santiago de Compostela e na súa contorna. Tratábase de traballar en torno a unha ferramenta de interacción e facilitación entre cidadáns, barrios e institucións. Facendo unha investigación sobre a crise dos modelos de relación entre os centros culturais, revisando exemplos de novas experiencias de laboratorios de creación baseados na produción e na participación.

Casa da Xuventude
No transcurso do obradoiro, os participantes visitaron a Casa da Xuventude acompañados da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e do concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte. Nas seguintes xornadas debateron arredor dos usos que se lle poden dar a este edificio. Este é un momento clave para o mesmo logo de que o pasado 18 de marzo se aprobara en Xunta de Goberno a reversión ao Concello da Casa da Xuventude, que ata ese momento viña utilizando a Xunta de Galicia. Este era o primeiro paso necesario para poñer en marcha o proceso de recuperación do edificio e do contorno da praza do Matadoiro.

Dende o Concello estanse a manter contactos con distintos colectivos veciñais e sectoriais para analizar o uso que terá o inmoble. O alcalde, Martiño Noriega, apuntou que, nunha primeira fase, "a Casa da Xuventude abrirase a estes colectivos para que o utilicen baixo un modelo tutelado de autoxestión". Para iso, o edificio será sometido a uns arranxos iniciais, que poderían estar rematados a finais da primavera, e que teñen como obxectivo reparar algunhas deficiencias menores.

Segundo o calendario esbozado polo alcalde, "xa no outono definiranse os usos definitivos do inmoble, e os arranxos necesarios para que o inmoble poida cumprir a función que se decida". Será entón cando se defina tamén a apertura da praza do Matadoiro ao parque de Belvís.

Compartir: