ACCIÓN CULTURAL

A Concellaría de Acción Cultural colabora con Numax no ciclo "Os ollos verdes"

01/04/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o responsable da sala Numax, Ramiro Ledo, presentaron esta mañá a seguinte aula do ciclo Os ollos verdes. Fixérono acompañados do protagonista desta xornada, Ramón Lluis Bande, que ofrece a súa masterclass aberta ao público este sábado ás 11:30 horas.

A Concellaría de Acción Cultural colabora neste ciclo, que traerá cada mes á cidade a cineastas que fan cinema non comercial, con linguaxes máis arriscadas, para ofrecer un coloquio co público profundando no seu traballo e traxectoria. A entrada a estas aulas será de balde e pódese confirmar asistencia na propia Numax para garantir unha butaca.

Na Aula Os ollos verdes, Ramón Lluís Bande ofrecerá un relatorio que leva por título Encontrar la película / La película encontrada, no que incidirá nos elementos máis salientables da súa obra cinematográfica, centrando a atención nos seus dous últimos filmes, Equí y n'otru tiempu e El nome de los árboles. Ambos os dous filmes afondan, dende presupostos formais diferentes, na memoria dos fugaos, apelativo co que eran coñecidos os centos de militantes republicanos asturianos que, logo do alzamento fascista de 1936, fóronse agochar ao monte para salvar a vida e continuar coa súa resistencia armada contra o franquismo.

Os ollos verdes é unha iniciativa de Numax que posibilitará cada mes o contacto do público compostelán con destacados directores do cinema contemporáneo, xa sexan autores novos que están a pescudar na súa propia linguaxe ou cineastas consolidados que ofrecen un percorrido pola súa traxectoria artística. O ciclo conta co apoio do Concello de Santiago a través da Concellaría de Acción Cultural. A de Ramón Lluís Bande será a segunda entrega da Aula Os ollos verdes, que foi inaugurada o pasado 20 de febreiro coa participación do cineasta Luis Aller.

Estrea de El nome de los árboles
A visita de Bande a Numax acompáñase da estrea, o mércores 30 de marzo, do seu último filme, El nome de los árboles. Intimamente relacionada coa súa obra anterior, Equí y n'otru tiempu, a nova creación do cineasta percorre Asturias na busca dos lugares nos que tiveron lugar as principais emboscadas contra os maquis. Ao longo da viaxe o cineasta irá atopando as últimas testemuñas vivas daquel tempo mais, tal e como sinala Carlos Losilla en Caimán, "non se trata dun filme de testemuñas, senón máis ben de xiróns e fragmentos que sempre remiten a aquel pasado infame e a un presente que segue a ser a consecuencia daqueles crimes".

O filme está a ter un amplo percorrido en festivais internacionais, sendo proxectado en certames como Sevilla, Transcinema Perú ou o Cinema D'Autor de Barcelona. E estivo tamén xa na cidade, na última edición do festival Cineuropa. Aproveitando a visita a Numax de Ramón Lluís Bande, a proxección de El nome de los árboles do venres 1 de abril, ás 19:20 horas, contará coa presentación en sala do director.

Aposta por un rexistro documental
Considerado coma un dos principais autores da nova xeración de cineastas asturianos, Ramón Lluís Bande (Xixón, 1972) destaca pola súa inquietude creativa, que o leva a desenvolver unha intensa actividade en campos como o xornalismo, o teatro, a literatura ou a música. Como realizador ten dirixido diversos proxectos para a Televisión do Principado de Asturias, entre os que destacan os recentes Camín, Ende ou L'alzada. A súa obra cinematográfica abrangue unha ducia de títulos, entre curtas e longametraxes, nos que adoita apostar por un rexistro documental. Os seus dous últimos filmes, Equí y n'otru tiempu (premio FIPRESCI-Resistencias do SEFF 2015) e El nome de los árboles, constitúen documentos de memoria arredor da loita dos maquis nos montes de Asturias.

O acceso á aula de Ramón Lluís Bande do sábado 2 de abril, ao igual que acontece co resto das aulas Os ollos verdes, é gratuíto. Cómpre, iso si, reservar entrada a través do correo comunicación@numax.org. É preciso indicar nome completo e número de teléfono. Para a sesión de El nome de los árboles, presentada polo autor do venres 1 de abril ás 19:20 horas, xa se poden adquirir as entradas na billeteira virtual da sala.

Compartir: