POLÍTICAS SOCIAIS

Máis dun cento de persoas celebran na praza do Obradoiro o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

01/04/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, participou esta mañá no acto de celebración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, organizado polas once asociacións que integran a Federación Autismo Galicia.

A Asociación de Pais e Nais de Persoas con Trastorno Autista da Provincia da Coruña (Aspanaes) reuniu a un grupo de familiares e persoas con TEA (Trastorno do Espectro do Autismo) para que se sumasen a este acto. Incluíu a lectura dun manifesto por parte do presidente de Autismo Galicia, Antonio de la Iglesia.

A concelleira de Políticas Sociais amosouse "especialmente contenta de participar nesta xornada e de encontrarse con persoas coñecidas coas que teño compartido reflexións, formación e experiencias sobre TEA e xustiza social". Na súa intervención quixo destacar que "as persoas con diversidade son o principal motor e exemplo de loita polo recoñecemento de dereitos sociais e de cidadanía".

Solta de globos
Os e as participantes no acto ían ataviados cun pano de cor azul, a cor do autismo, e realizaron unha solta de globos da mesma cor para dar remate ao acto.

Ademais, fíxose a entrega simbólica da testemuña #pasaloporelautismo, un xesto que se enmarca dentro da exitosa campaña, de eido europeo, que se levou a cabo a través de redes sociais e que consiste en pasar unha testemuña azul como símbolo de que a inclusión é cousa de todos e de todas. Concha Fernández quixo "recoller e pasar esta testemuña desexando que sirva para, desde a diversidade, se vaia constituíndo a igualdade".

Por último, durante a noite deste venres cara o sábado 2 de abril, día que a ONU recoñeceu como o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, os edificios da praza do Obradoiro iluminaranse de azul dentro da campaña mundial "Light it up blue". É o caso do Pazo de Raxoi, da Catedral, do Hostal dos Reis Católicos, do Colexio de San Xerome e das Torres da Cidade da Cultura.

Compartir: