CENTROS SOCIOCULTURAIS

Monográficos sobre agricultura e apicultura ecolóxicas en Villestro e Aríns

01/04/2016 Xa está aberta a inscrición nos monográficos sobre apicultura e agricultura ecolóxicas que se realizarán, respectivamente, os días 23 e 30 de abril nos locais socioculturais de Aríns e Villestro. Están organizados polo Departamento de Centros Socioculturais da Concellaría de Acción Cultural e impartidos pola Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos (Apega).

As persoas interesadas poden anotarse telefonicamente chamando en horario de tarde ao 981 542 350 (Casa das Asociacións de Cornes) e tamén a través do correo electrónico mposeo@santiagodecompostela.gal. Cada monográfico ten dispoñibles 20 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. O prezo de cada curso é de 14 euros.

O LSC de Aríns acollerá o 23 de abril, de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 18:00 horas un Curso Práctico de Agricultura Ecolóxica. Os participantes abordarán cuestións como o enxame e a súa contorna, a anatomía e fisioloxía do enxame e das abellas, as técnicas de manexo para unha apicultura natural e ecolóxica, a obtención de mel de calidade ou a reprodución natural do enxame. Neste curso, no que tamén colabora a Asociación de Veciños Coto da Nai, os alumnos/as deberán levar a súa careta e luvas limpas.

Tamén de seis horas será o Curso Práctico sobre Agricultura Ecolóxica. Impartirase o sábado 30 de abril, no mesmo horario que no caso anterior, pero no LSC de Villestro. O monográfico introducirá os participantes no mundo da produción ecolóxica, explicando aspectos claves desta como a preparación do solo e a súa fertilización, a rotación de cultivos, os cultivos mixtos ou o control biolóxico de pragas e enfermidades. Realizaranse prácticas nunha horta ecolóxica da cidade.

Compartir: