ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Uns 7.000 escolares participarán na XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura

01/04/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, inaugurou esta mañá na Galería Sargadelos, a XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura, que este ano leva por título "Contos para despois da choiva", en referencia á obra de Miguel Rico gañadora do VIII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. A dia de hoxe están inscritos nas diversas actividades 5.774 escolares, pero a previsión e alcanzar os 7.000 participantes.

A Campaña Municipal de Animación á Lectura é organizada pola Concellaría de Educación e Cidadanía e Kalandraka Editora, en colaboración coa Fundación Sargadelos. Esta XVI edición desenvolverase ata o 14 de maio e comprende un conxunto de iniciativas en prol da animación á lectura para as familias, o profesorado e os nenos e as nenas de Santiago.

Nesta xornada inaugural, 43 escolares do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei realizaron unha visita didáctica á exposición da Galería Sargadelos e participaron nunha sesión de contacontos. Ao tempo, 23 nenos e nenas do CEIP Monte dos Postes tomaron parte nun obradoiro de escrita creativa, e outros/as 24 do CEIP Vite I nun taller de ilustración.

Ata o momento están inscritos nas diversas actividades 52 centros escolares, dos que 38 son de Santiago e outros 14 da comarca: CEIPs de Roxos, Cardeal Quiroga Palacios, As Fontiñas, López Ferreiro, Arquitecto Casas Novoa, Vite I, Mestre Rodríguez Xixirei, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas, Apóstolo Santiago, Pío XII, Lamas de Abade, Monte dos Postes, Xacinto Amigo Lera, Vedra, Oroso, Sigüeiro, Barouta e Pedrouzos; colexios San José de Cluny, Vilas Alborada, Juventud, Nosa Señora dos Remedios, A Inmaculada, San Francisco Javier, La Salle, San Pelayo-Emma, Santa Apolonia, Compañía de María, A Raiola, Manuel Peleteiro-Dolores Ramos, Divino Maestro, San Jorge e Oroso; escolas infantís Agasalle, Paparolo, San Roque, Conxo, Salgueiriños-Meixonfrío, Polígono do Tambre, Tras Parlamento, Fontiñas, Casa do Neno, Os Pequerrecho-Hospital, A Madalena, A Ulloa, Rial, A Igrexa, Os Ánxeles, Sabaxáns e A Igrexa.

Presentación ao profesorado
No acto de presentación participaron tamén, ademais do alcalde, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; o director xerente de Kalandraka, Xosé Ballesteros; e o director da Fundación Sargadelos.

Ademais, o próximo martes 5 de abril, ás 18:30 horas, terá lugar unha xuntanza de presentación da campaña ao profesorado. Será tamén na Galería Sargadelos e participarán 170 profesores/as dos centros escolares.

Compartir: