XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local prevé licitar en abril o servizo do subministro eléctrico

01/04/2016 Ao longo do mes de abril, o Goberno prevé sacar a licitación o subministro de electricidade, unha obriga que o Concello leva incumprindo desde 1997. Nese ano liberalizouse o sector da enerxía, e todas as administracións públicas tiñan a obriga de sacar a licitación o servizo para lle dar a oportunidade a outras empresas de prestalo, á marxe da antiga Unión Fenosa. No caso de Santiago, nunca se cumpriu ese requisito, e o servizo seguiuno prestando Gas Natural. Agora, tal e como anunciou hoxe o alcalde, estanse ultimando os pregos dunha nova licitación, que será aprobada previsiblemente en abril para regularizar a situación na que se atopa o servizo. Martiño Noriega explicaba así que a Xunta de Goberno siga aprobando recoñecementos extraxudiciais de crédito para abonar as facturas de electricidade. Esta mañá, o Executivo local deulle o visto bo a un recoñecemento por un importe total de 324.145,32 euros.

O alcalde adiantou que a nova licitación será por un prazo dun ano prorrogable. Neste tempo, Martiño Noriega sinalou que se estudará a posibilidade de licitar o servizo da electricidade de forma conxunta con outros concellos, no marco da Mancomunidade que se prevé revitalizar nas próximas semanas. O rexedor aclarou que "esa opción xa estivo anteriormente sobre a mesa, e hai concellos que estarían interesados".

Á marxe do relacionado co subministro eléctrico, a Xunta de Goberno de hoxe aprobou outros recoñecementos extraxudiciais de crédito. Deles, dous están relacionados co Departamento de Educación (5.511,65 euros para o mantemento de ascensores e 37.941,26 euros para o servizo de comedores escolares), e o terceiro ten como destinataria a empresa que xestiona os centros socioculturais, Arasti Barca, por un importe de 159.224,14 euros, en relación aos servizos prestados nos meses de xaneiro e febreiro.

Centros socioculturais
O alcalde explicou que o Goberno leva máis dun ano aprobando recoñecementos extraxudiciais de crédito en relación á empresa Arasti Barca porque, aínda que tivo contrato en vigor ata este mes de abril, "as condicións contractuais mudaron por mor de sentenzas xudiciais que condenaron ao Concello por cesión ilegal de traballadores dos centros socioculturais".

Martiño Noriega sinalou que, unha vez finalizado o contrato, Arasti Barca "seguirá prestando o servizo ata o remate do curso para non crear disfuncións coa programación que está en marcha e evitar problemas cos usuarios que xa teñen pagadas as súas actividades ata o verán". Nese sentido, o Goberno traballa nuns novos pregos, "unha licitación complexa, por mor desas sentenzas xudiciais previas e tamén porque a rede é moi ampla, con máis de 40 centros". En concreto, nove traballadores dos centros socioculturais tiveron que pasar a formar parte do cadro de persoal do Concello, coa consideración de traballadores indefinidos, en virtude de varias sentenzas xudiciais dos anos 2009, 2011, 2012 e 2013 nas que se fallaba que o Concello fixera unha cesión ilegal de traballadores ás empresas que viñan xestionando os centros socioculturais.

Segundo relatou o alcalde, o Goberno está a traballar nuns novos pregos "pensando nun modelo baseado nos contratos por lotes, dependendo das actividades e das características particulares dos centros socioculturais". Ademais, advertiu que será preciso "blindar os contratos dos traballadores, diferenciando ben que son traballadores externos e evitando novos procesos xudiciais". En todo caso, o máis importante para Martiño Noriega é "garantir a prestación do servizo nos centros socioculturais, que son un privilexio da cidade e un pulmón da participación cidadá e a dinamización do asociacionismo".

Documentos relacionados



Compartir: