ACCIÓN CULTURAL

Un recital poético-musical conmemora o 160º aniversario do Banquete de Conxo

16/03/2016 A escalinata do pavillón central do Hospital Psiquiátrico de Conxo acollerá o vindeiro venres 18 de marzo, ás 19:30 horas, un recital poético-musical co que se conmemorará o Banquete de Conxo. Ese mesmo día, o CSC Aurelio Aguirre acollerá dous obradoiros didácticos sobre poesía.

A concelleira de Acción Cultural presentou os detalles da conmemoración, acompañada por Xulio Noya, técnico do CSC de Conxo. Branca Novoneyra lembrou aquel Banquete de Conxo do 2 de marzo de 1856, que aínda hoxe está "moi presente na memoria dos veciños de Conxo". Precisamente, unha exposición didáctica, titulada Aurelio Aguirre e o Banquete de Conxo, recorda aquel acontecemento nunha exposición didáctica aberta dende mañá xoves e ata o 31 de marzo no CSC que leva o nome do poeta compostelán.

No recital previsto para este venres haberá unha leitura dos brindes poéticos de Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal. Conducido por Olalla Cociña, o acto contará coa participación de Sara Vilar Aira, Oriana Méndez, Jesús Castro Yáñez e Dores Tembrás. Completará a xornada a proposta Doubles, a cargo de Xocas Meixide (clarinete e clarinete baixo) e Celso F. Sanmartín (poesía).

O mesmo venres, pero pola mañá, realizaranse dous obradoiros no CSC de Conxo. O primeiro, ás 10:30 horas, titúlase Quen teme a poesía e contará coa participación de nenos e nenas de primaria do CEIP Quiroga Palacios. A continuación, ás 12:00 horas, serán os mozos e mozas do Ies Eduardo Pondal os que asistan ao obradoiro Poesía + Graffiti.

O Banquete de Conxo
O Banquete de Conxo tivo lugar o 2 de marzo de 1856, sendo un xantar de confraternidade entre os obreiros, artesáns e estudantes de Santiago. O acto tornou nun acontecemento de grande importancia simbólica e real dentro da memoria colectiva de Compostela, e mesmo da historia nacional de Galicia.

A iniciativa do Banquete foi do poeta Aurelio Aguirre e no mesmo participaron persoeiros como Eduardo Pondal, quen realizara un enérxico e reivindicativo discurso. O Banquete constituíu un xesto de fraternidade entre a clase traballadora e o estudantado, o cal suscitou o enfado dos sectores máis poderosos da Compostela da época. Tal foi o incomodo e o medo á insurrección popular que, durante todo o xantar, a carballeira onde se desenvolveu estivo rodeada por soldados.

Os propios Pondal e Aguirre foron ameazados con seren deportados ás Illas Marianas por causa do evento. Nun tempo de numerosas revoltas populares en toda Europa, o Banquete de Conxo foi un dos primeiros actos reivindicativos e de toma de consciencia nacional galega, alén de reivindicar os dereitos das clases máis populares do país.

Documentos relacionados



Compartir: