ALCALDÍA

O Concello de Santiago asina un convenio coa Xunta e "La Caixa" para a atención á infancia en situación de vulnerabilidade

14/03/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; o director corporativo da Área Social da Fundación "La Caixa", Marc Simón; e o director da Área de Negocio de CaixaBank en Santiago, Antonio Lema, asinaron esta tarde un convenio de colaboración para abordar a pobreza infantil na cidade.

Esta colaboración concretarase no desenvolvemento conxunto dun programa de atención á infancia en situación de vulnerabilidade social e exclusión que leva por nome CaixaProInfancia. Está dirixido a 50 familias con menores de entre 0 e 18 anos dunha zona concreta de Santiago, que actuará como barrio piloto.

O Concello analizará, xunto á entidade e a Consellería de Política Social, a distribución territorial das situacións de especial vulnerabilidade, situacións que requiren, máis alá da atención a necesidades puntuais, dun plan global que incida de forma integral na transformación e mellora da realidade da infancia e das familias.

Así, definirase unha proposta de servizos conxunta que permita responder ás necesidades dos e das menores e das súas familias e optimizar os recursos económicos públicos e privados que se dotan para estes efectos. Tamén se quere impulsar o traballo en rede, como mellor resposta organizativa para o desenvolvemento deste proxecto, aproveitando os recursos públicos e privados existentes no territorio.

Promoción socioeducativa
Un dos grandes obxectivos que se marca este programa é garantir a promoción socioeducativa dos e das menores, entendendo que desta vai depender o seu benestar futuro. Haberá, polo tanto, cinco grandes liñas de traballo que se deberán abordar: reforzo educativo, educación non formal e tempo libre, apoio educativo familiar, atención e terapia psicosocial e promoción da saúde.

"La Caixa" destina 225.000 euros a esta iniciativa (75.000 euros/ano), un orzamento que será canalizado a través das entidades sociais da cidade que participen do proxecto. Os representantes das tres entidades fixeron fincapé na importancia de colaborar na achega de esforzos e recursos arredor da infancia, en especial, daqueles nenos e nenas en situacións máis vulnerables.

Compartir: