CONSORCIO

Os alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecen un novo concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

14/03/2016 No marco do programa A Escola na Cidade, que promove a Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), este martes, 15 de marzo, ofrécese un novo concerto protagonizado polos alumnos do curso de posgrao do centro. Terá lugar ás 20:30 horas no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia. A entrada é gratuíta ata completar aforo. A duración estimada desta actuación é dunha hora e media.

A cita musical comezará cun dúo de marimbas, que interpretará a obra Nagoya, de Steve Reich. De seguido actuará un trío de corda, integrado por dous violinistas e un violoncellista. Tocarán parte das seguintes obras: Trío para dous violíns e viola da gamba de Bach, Trío sonata nº 1 de Giuseppe Tartini, Trío de Alexander Borodin e Terzetto de Antonín Dvorák.

A actuación continuará con cuarteto de cordas, formado por dous violinistas, un violista e un violoncellista. Achegarán ao público o Cuarteto de cordas nº 3 de Joseph Haydn e o Cuarteto de cordas nº 2 sobre temas Kabadrinas de Sergei Prokofiev.

O concerto concluirá cun quinteto de metais, integrado por dous trompetistas, un trombón, un trompista e unha tuba. Interpretarán dúas obras: Brass Quintet, de Victor Ewald, e "Xúpiter", de Os Planetas de Gustav Holst.

A Escola na Cidade
O programa A Escola na Cidade é un ciclo de concertos interpretados polos alumnos do Curdo Avanzado de Especialización Orquestral do centro, curso de posgrao recoñecido como título propio da Universidade de Santiago. Con esta iniciativa, a Escola implícase na programación cultural de Santiago, a través da organización periódica de concertos de cámara protagonizados polos alumnos do centro, xunto con ciclos de solistas.

Compartir: