EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Expostas as listaxes de reserva, traslados e vacantes das escolas infantís municipais

14/03/2016 Rematado o período de presentación de solicitude e revisadas as reservas de praza, dende hoxe luns, 14 de marzo, está a exposición pública nos taboleiros de anuncios do Concello de Santiago, nos das escolas infantís municipais e nesta web municipal a lista de reservas, traslados e o número de prazas vacantes por unidades nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2016-2017.

O prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso abrirase este martes, 15 de marzo, ata o 15 de abril. As familias teñen os impresos de solicitude de matrícula á súa disposición nas tres escolas infantís, no Departamento de Educación e Cidadanía (Edificio Cersia) e nesta web.

Os impresos de novo ingreso deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do CSCXM do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16). O horario para presentar a solicitudes e a documentación en calquera destes rexistros é de 9:00 ás 14:00 horas, de luns a venres (incluídos os sábados co mesmo horario no Rexistro Xeral).

Será requisito imprescindible que o neno/a estea empadroado no Concello de Santiago de Compostela (no caso de nenos/as non natos, a nai deberá estar empadroada no Concello no momento de presentar a solicitude). Poden efectuarse solicitudes para nenos/as nados nos anos 2014-2015-2016 (teñen que nacer antes do 31 de setembro do 2016, xa que é requisito imprescindible incorporarse á escola infantil antes do 31 de decembro e a idade mínima para poder acceder á escola infantil é ter cumprido os tres meses de idade).

Existe a posibilidade de solicitar praza en todas as escolas ao mesmo tempo. No caso de ser admitido en varias escolas, deberá formalizarse a matrícula na que resulte de maior interese e renunciar ao resto. No caso de ser admitido nunha escola diferente á súa primeira opción das tres escolas infantís municipais (Conxo, As Fontiñas e Salgueiriños), os pais deberán ter en conta que:

- Se aceptan a praza, queda automaticamente excluído da lista de agarda.
- Se non acepta esa praza, terá que renunciar a ela por escrito e pedir que se lle manteña na lista de agarda para a súa primeira opción.

Bono Concilia
No momento de solicitar praza nalgunha das escolas infantís municipais, as familias terán que cubrir o apartado e anexos correspondentes referidos a este apartado para que, no caso de non ser admitidos, queiran optar ao Bono Concilia (unha axuda que dá a Xunta de Galicia como axuda á escolarización nunha escola infantil privada). Unha vez cuberta a documentación, a xestión desta axuda realízase dende a Xunta de Galicia (teléfono 981 185 741).

No caso de que unha persoa beneficiaria do Bono Concilia, por quedar en lista de agarda, fose chamada para ocupar praza previamente solicitada nalgunha das escolas infantís municipais, perderá automaticamente o Bono Concilia decida ou non aceptar a praza que se lle oferta.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: