LINGUA

Ábrese o prazo para que os centros escolares participen no Conto Viaxeiro

14/03/2016 O alcalde, Martiño Noriega, presentou a cuarta edición do Conto viaxeiro, organizado polo Departamento de Lingua e dirixido a alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria. Grazas a este conto colectivo, os/as escolares da cidade achegaranse á literatura oral e escrita, estimularán a súa creatividade artística e participarán en espazos lúdicos que promoverán a expresión e a expresividade en galego.

No Conto viaxeiro, cada grupo-aula inscrito participa nunha sesión de elaboración do conto conducido por monitores, que achegan os contidos e guían a construción do texto. O primeiro grupo inicia unha historia, que logo continúa en cada unha das seguintes sesións ata completar a narración.

Os/as nenos/as fan tamén cadanseu debuxo para ilustrar a parte sobre a que traballaron e elixen cal do creados na sesión anterior vai estar no conto definitivo. Cada unha das sesións ten independencia e unidade en si mesma para traballar os obxectivos propostos. Nelas trátase de reforzar o uso da lingua, incluíndo información e vocabulario sobre a contorna, un achegamento á estrutura dos contos…

Tamén se toman fotografías das sesións e vanse rexistrando en vídeo para elaborar un vídeo-conto. As fotografías, todos os debuxos, o conto ilustrado e o vídeo-conto publícanse nun blog (contoviaxeiro.santiagodecompostela.gal), que vai dando conta tamén de cada unha das sesións durante o desenvolvemento da actividade. Neste mesmo blog pódese acceder aos contos viaxeiros de anos anteriores.

O blog admite a participación de toda a comunidade escolar con comentarios ou propostas didácticas que completen as que se ofrecen dende a organización.
Unha vez rematado, o texto ilustrado publicarase en papel e enviaranse exemplares aos centros participantes para repartir entre os nenos e nenas autores do traballo e para as bibliotecas dos centros.

Inscrición
Os centros escolares interesados en participar na actividade deben enviar cuberta a ficha anexa por correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega do Concello (dlg@santiagodecompostela.gal) antes do 31 de marzo. Pode solicitarse un máximo de dúas sesións para dous grupos diferentes. En función das solicitudes recibidas e respectando a orde de entrada, asignaranse as sesións, procurando respectar as preferencias indicadas. En caso de que non poida asignarse máis dunha, elixirase o primeiro dos grupos que solicitara.

Para formar o grupo poderán xuntarse dúas aulas (do mesmo curso) sempre que o número total de alumnos/as non exceda de 35 e o centro dispoña do espazo necesario para que poidan traballar.

Para calquera aclaración, pódese contactar a través do enderezo dlg@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 542 409.

Documentos relacionados



Compartir: