FACENDA

O Plan de Control Tributario loitará contra o fraude no pago de impostos municipais

10/03/2016 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, presentou en rolda de prensa o Plan de Control Tributario que se levará este venres a Xunta de Goberno para a súa aprobación definitiva. Farase unha inspección a 1.430 contribuíntes en relación aos impostos de Plusvalías, ICIO, IAE, vados e outras ocupacións.

Rozas explicou que o "obxectivo deste plan enmárcase dentro da xustiza tributaria e fiscal e busca loitar contra a fraude no pago de impostos municipais. Trátase ademais dunha medida de consolidación fiscal que permite incrementar os ingresos no Concello sen que supoña un aumento nos impostos municipais".

Neste 2016, o número de contribuíntes aos que se lles efectuará comprobación ascende aos 1.430, aos que se lle realizarán controis sobre o Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana (300), o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (60), vados (900) e outras ocupacións (100). Inclúese por primeira vez o control no que respecta a licenzas de obras maiores. Para facer isto, o Departamento de Economía cruzará os datos co de Urbanismo para comprobar se chegan licenzas cun valor menor que o estipulado no mercado.

Con este Plan de Control Tributario, o Concello márcase como obxectivo recadar 1.895.000 euros, a maior parte deles polo ICIO e o outorgamento de novas licenzas urbanísticas. A concelleira insistiu en que se trata "dunha medida de igualdade e de xustiza tributaria que se retoma este ano despois de que en 2015 non se aprobara ningún plan semellante por falta de vontade política". En 2015 tan só se recadaron por esta vía da inspección 567.876 euros, unha cantidade moi baixa, ao carecer o Concello deste Plan de Control Tributario.

Revisión catastral
A vindeira semana, a concelleira de Economía e Facenda reunirase na Coruña coa Dirección Xeral do Catastro para coñecer todos os detalles sobre a revisión catastral que se vai efectuar na cidade. Actualmente, o propio Concello ten detectados 200 casos irregulares que xa foron notificados aos interesados por parte da Oficina de Xestión Tributaria, a pesar de que a competencia nesta materia é da Oficina do Catastro e non do Concello. Con esta regularización preténdese recadar un total de 200.000 euros, sen prexuízo de que se poida optar pola inclusión do Concello nos Planos de Regularización que está a realizar a Dirección Xeral de Catastro.

Compartir: