ACCIÓN CULTURAL E TURISMO

Actividades gastronómicas e culturais conforman a programación do Concello de Santiago para esta Semana Santa

10/03/2016 As concelleiras de Acción Cultural e Turismo, Branca Novoneyra e Marta Lois, presentaron en rolda de prensa a programación que o Concello vén de preparar para a Semana Santa deste 2016. Santiago, paixón doce e De lugares e órganos. Músicas e outras paisaxes de Compostela son as principais accións dun calendario que irá do 11 de marzo ao 3 de abril.

Marta Lois destacou que esta é "unha programación transversal, froito do traballo dos departamentos de Festas, Turismo e Cultura, que está pensada non só para os veciños e veciñas da cidade, senón tamén para os e as que nos visiten nestas datas. Unha programación que vai máis alá do feito relixioso con actividades para todos e todas".

Dará comezo esta fin de semana co concerto da Banda Municipal de Música o próximo domingo 13 de marzo, ás 12:00 horas, no Teatro Principal. Interpretará La passió de Crist. E xa mañá, 11 de marzo, chega a programación turística e gastronómica a Santiago da man da Romaría de San Lázaro. Festa da Uña, na que haberá a tradicional poxa por facerse con este codiciado produto o vindeiro luns 14 de marzo. Cóntase coa participación de 19 restaurantes do barrio, que ofrecen o tradicional prato da Festa da Uña.

Santiago, paixón doce
Compostela é unha cidade larpeira que destaca polos produtos gastronómicos e que conta con doces receitas e sobremesas feitas de forma tradicional. A maiores das roscas e os ovos de Pascua, desde o Concello suxírense algunhas propostas como tartas, conchas de Santiago, delicias monacais, rosquillas… e unha ampla variedade gastronómica. Nos bares e restaurantes da cidade teremos propostas especiais baseadas nos mellores produtos desta temporada. Será do 18 ao 27 de marzo.

De lugares e órganos
De lugares e órganos é un programa cultural que pretende pór en valor os órganos situados nos templos da cidade como elementos patrimoniais de referencia. Pretende ser unha combinación de visitas culturais a estes instrumentos xunto cunha programación musical propia destas datas. Dentro desta programación destacan varias accións.

Haberá talleres de organería para nenos e nenas que darán comezo o 21 de marzo e están dirixidos ao público infantil de entre 6 e 12 anos. Ten como finalidade por en valor estes órganos para o coñecemento dos máis e das máis pequenas. Conta cunha programación moi completa, ofrecendo diversas actividades relacionadas con este instrumento: coñecemento sobre o órgano, construción dun pequeno tubo, visita guiada por un órgano e as súas partes e sesión de contacontos a cargo de Charo Pita.

Os órganos tamén sairán á rúa co obxectivo de xerar encontros coa cidadanía e para axudar a entender e gozar dos concertos e actividades. Preténdese deslocalizar o órgano do seu contexto natural, como pode ser o meramente eclesiástico, ou de espazos programados, invitando o público a que participe directamente da súa magnitude xunto a músicos e expertos.

Esta actividade compleméntase cunha serie de itinerarios polos órganos de Compostela. Percorreranse algúns dos órganos que abarcan diferentes épocas e estilos: órganos de igrexas da Compañía, San Francisco e As Ánimas. A finalidade é compartir co público o rico legado organístico que aínda se conserva na nosa cidade, que dende o século XVI foi o centro máis importante de construción de órganos e de formación de organistas no noroeste peninsular. Para esta ocasión seleccionáronse 3 dos 16 órganos cos que conta a cidade, cada un da súa época e estilo. A visita inclúe tamén a escoita de instrumentos, axudando así á súa contextualización. É polo tanto unha actividade que combina a música coa arte.

A compañía Traspediante fará unha representación que recibe o nome de Ventanía e que busca o encontro entre a expresividade do son do órgano e o corpo en movemento. Terá lugar no espazo do coro alto da Igrexa, un emprazamento único para invitar ao público a participar desta experiencia estética e sensorial que evoca evasión de sentimentos humanos.

Concertos recomendados
Haberá concertos a cargo de importantes músicos organistas que usarán os instrumentos de diversas igrexas da cidade para achegar a súa música aos veciños e veciñas, mais tamén aos turistas que nos visiten por esas datas. Un exemplo é De anxos e sereas, un programa que recompila o patrimonio musical que se foi desenvolvendo durante moito tempo nos conventos das monxas clarisas. Tomando como referentes as cidades de Porto e Compostela, o programa está integrado por pezas vocais e para órgano, compostas por monxas de Porto e obras mestras para órgano de Melchor López.

O Teatro Principal, o Auditorio de Galicia e o Parque de San Domingos de Bonaval acollerán concertos da Real Filharmonía e da Banda Municipal. As entradas son gratuítas e pódense recoller a partir do 15 de marzo no despacho de billetes do Teatro Principal, de 18:00 a 21:00 horas, ou o propio día de celebración dende unha hora antes.

Camiños da Auga e a rota da Camelia
A Demana Santa coincide ademais cunha das accións que se desenvolven dende a Concellsría de Igualdade dentro de Compostela, territorio das mulleres. Este domingo 13 de marzo, ás 10:30 horas, será o primeiro roteiro de Camiños da Auga. Paseo polas fontes e os lavadeiros emblemáticos de Compostela. Esta fin de semana, o punto de encontro é a Libraría Lilith e neste percorrido poderanse coñecer fontes e lavadoiros tan emblemáticos como as da Porta do Camiño, Fonte Sequelo, Cervantes, Toural, Mazarelos, Praterías, Ferradura ou Paseo da Alameda. A rota da Camelia desenvolverase tamén durante todo este mes de marzo a través da Alameda, o Parque de Belvís e San Domingos de Bonaval.

A programación completa pode consultarse na web www.semanasantasantiago.com. Nos vindeiros días estará dispoñible o libro folleto con estas actividades e tamén as procesións propias de Semana Santa que organizan dende a Xunta de Confrarías.

Direcciones relacionadas



Compartir: