ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais visitan o albergue de Xoán XXIII

10/03/2016 O alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, visitaron esta mañá o albergue de Xoán XXIII para coñecer máis polo miúdo o seu funcionamento e as súas necesidades. O centro, dependente da Xunta, forma parte da mesa de traballo e coordinación sobre persoas sen fogar que puxo en marcha o Concello, para buscar unha solución integral na atención a este colectivo tan sensible.

Durante a visita, o director do albergue de Xoán XXIII explicou que no centro dormen unhas 500 persoas anuais, unha cifra que se mantén estable nos últimos anos. Francisco Castro recoñeceu que o albergue precisa máis prazas. Na actualidade ten 25, pero cunha habitación de 4 prazas reservada para mulleres, "de xeito que se só hai unha muller pasando a noite, tres prazas quedan inutilizadas". O director do albergue volveulle pedir á Xunta que lles permita habilitar máis prazas, "porque o edificio conta co espazo suficiente, se ben sería preciso agardar ao traslado da Cociña Económica que temporalmente está ocupando o salón multiúsos".

Tamén reclamou unha solución que facilite o labor de integración social que quere desenvolver o albergue, porque a normativa non permite que os usuarios durman no centro máis de dez noites seguidas ao mes. Isto, explicou Francisco Castro, "supón moitos problemas á hora de atender sobre todo a persoas con problemas de saúde, ou que estean convalecentes dalgunha intervención cirúrxica".

Colaboración continuada
O albergue de Xoán XXIII empezou a funcionar en 1971, e na actualidade desenvolve unha función que vai máis alá da meramente asistencial. Así, dende o centro estanse organizando cursos formativos para persoas desempregadas, que están obtendo bos resultados. O último, para camareiros e camareiras de piso, rematou con catro participantes contratados.

O Concello mantén unha estreita colaboración co albergue, que este ano recibirá unha subvención nominativa de 60.000 euros. A concelleira de Políticas Sociais explicou que a cifra é máis baixa que a de anos anteriores, "porque o Concello puxo en marcha outros dispositivos para a atención a persoas sen teito, coordinados dende unha mesa de traballo da que forma parte o propio albergue de Xoán XXIII". Entre esas ferramentas, Concha Fernández citou o equipo de rúa para atención ás persoas sen fogar, que nestes momentos logrou aloxar a 13 persoas en pensións da cidade, e os tres pisos que empezará a xestionar nas próximas semanas FEAFES, seguindo o modelo Housing First.

Compartir: