EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Percorrido didáctico polo patrimonio funerario de Santiago de Compostela

10/03/2016 A Concellaría de Educación e Cidadanía puxo en marcha este curso escolar o programa didáctico Vivir Santiago, con diferentes propostas para por en valor o patrimonio de Compostela. Estas actividades están a disposición do IV Ciclo da USC, dentro do convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Santiago e este Departamento municipal. Desta vez, realizouse un percorrido polo cemiterio de Boisaca, para coñecer o patrimonio funerario de Compostela. O concelleiro de Educación, Manuel Dios, sumouse á actividade.

A visita guiada levou o alumnado do IV Ciclo da USC a afondar no coñecemento de aspectos relacionados coa historia e o urbanismo de Compostela, coa arte e a simboloxía funeraria, coas persoas soterradas, coa memoria histórica e mesmo co cine e a literatura. Este patrimonio abrangue un conxunto de manifestacións histórico-artísticas relacionadas coa morte, con mostras xurdidas dende a antigüidade ata os nosos días. Porén, mentres os bens arqueolóxicos como as antas ou as mámoas adoitan estar plenamente introducidas no eido educativo, non ocorre o mesmo cos camposantos, conxuntos que aglutinan unha parte moi importante da historia en diferentes vertentes.

A través destas "cidades das persoas mortas" podemos coñecer a historia local da "cidade viva" e recuperar parte da súa memoria. Esta aparece presente nos personaxes anónimos e nos ilustres que nela "habitan", xentes do mundo da política, da industria, das artes, das letras ou da sociedade local.

Boisaca
Na entrada principal da necrópole tratáronse temáticas relacionadas cos antecedentes de Boisaca, as fases construtivas e a tipoloxía arquitectónica. Posteriormente, proseguiuse cun percorrido polo interior do recinto cunha serie de paradas a través das que se analizou a súa distribución e organización, con especial fincapé nas zonas verdes e nos seus usos. Tipoloxicamente analizáronse os diversos tipos de sepulturas e os materiais construtivos, así como artistas e obradoiros. Autores como Asorey, Cástor Lata, Eduardo Parrado, Garabal, José Cao, Manuel Miranda, Suso León ou Manuel García; marmoristas como Eiroa, Carracedo ou Barral; e mesmo ferreiros como Jenaro Tarrío, que deixaron a súa pegada en varios dos enterramentos.

De xeito paralelo á identificación de autores de obras funerarias, foron xurdindo os nomes de homes e mulleres soterrados e que destacaron na vida local e noutros territorios e que aquí xacen. Artistas, xornalistas, escritores e escritoras, empresarios e empresarias, profesionais da medicina ou personaxes populares, entre outros moitos. O percorrido rematou no monumento ás persoas que entre os anos 1936 e 1938 foron fusiladas nos muros do cemiterio.

Mámoas, antas e necrópoles
No caso de Santiago de Compostela, á hora de abordar unha análise sobre o patrimonio funerario é necesario falar das máis de media ducia de mámoas e antas que se espallan polas 29 parroquias do concello. Enterramentos megalíticos que serían os antecedentes prehistóricos dos sepulcros medievais, sendo o sartego máis coñecido o do Apóstolo Santiago da Catedral. Un templo que se ergue sobre unha gran necrópole de orixe romana e ao redor do que ata o século XVIII funcionou como camposanto a súa Quintana dos Mortos. Tras a clausura, avanzouse cara a construción de cemiterios fóra das murallas, polo que habería que continuar polos cemiterios provisorios ata chegar a Bonaval, espazo clausurado en 1971 por motivos de seguridade e hixiene e convertido na actualidade nun lugar de recreo e ocio, e Boisaca.

Un percorrido no que tampouco debemos esquecer o Panteón de Galegos Ilustres, recintos xa desaparecidos ou en desuso e os camposantos das parroquias. Ademais, tamén é preciso facer referencias tanto á literatura como á cultura inmaterial. Ritos, lendas e tradicións propias da cidade como a que di que ata finais do século XIX os enterros se realizaban nas primeiras horas da noite, cun silencioso cortexo acompañando á persoa defunta, ou mesmo a través dos nomes dos lugares, de topónimos e microtopónimos.

Compartir: