ORZAMENTOS

Aprobados os orzamentos do Auditorio de Galicia para o exercicio 2016

02/03/2016 O Consello Reitor do Auditorio, reunido esta tarde no Pazo de Raxoi baixo a presidencia do alcalde, Martiño Noriega, aprobou os orzamentos do Auditorio de Galicia, unhas contas que ascenden a 2.369.067,78 euros.

En 2015 fixérase unha previsión de ingresos e gastos de 1.605.974,43 euros para o Auditorio, que se viu incrementada ao longo do ano en case un millón de euros. Neste exercicio, a contía é lixeiramente inferior ao pasado ano, cando estaba orzamentada unha partida para obras que non se executaron.

Neste 2016 as reformas que se acometerán no Auditorio non veñen integradas no orzamento do organismo, senón que están incorporadas no orzamento do Consorcio. Isto permite que este ano se poida dedicar máis que o ano pasado a actividades do propio Auditorio.

Orzamentos de Tussa e Incolsa
As sociedades mercantís Incolsa e Tussa tamén aprobaron hai uns días os seus orzamentos cara a este exercicio. As contas da empresa municipal de turismo ascenden a 2.968.777,07 euros en ingresos e 2.939.508,90 en gastos, que permitirá finalizar o ano cun lixeiro superávit. As contas da sociedade anónima municipal de transporte ascenden a 1.483.022,56 euros tanto en ingresos como en gastos.

Coa aprobación dos orzamentos das dúas sociedades mercantís (Tussa e Incolsa) e do organismo autónomo do Auditorio, segue avanzando o proceso cara a aprobación dos orzamentos de Santiago para o ano 2016. Os seguintes pasos pasan por levar o orzamento consolidado á Comisión de Facenda, unha vez que estea listo o preceptivo informe do departamento de Intervención, e finalmente someterase a súa aprobación no Pleno Municipal.

Compartir: