ACCIÓN CULTURAL

Neves Seara comeza este xoves as súas actividades de mediación cultural no Centro da 3ª Idade Porta do Camiño

02/03/2016 Neves Seara inicia este xoves as actividades de mediación cultural enmarcadas dentro da intervención 73 liñas de horizonte (segunda carta a meu pai), que a artista ten ata o 27 de marzo na Zona "C". Isto responde á iniciativa da concellaría de Acción Cultural de facer actividades de mediación sempre que sexa posible, para así integrar a todos os públicos da cidade na vida cultural da mesma.

Co título Historias re-escritas, o obradoiro celebrarase este xoves pola mañá no Centro Sociocomunitario da 3ª Idade Porta do Camiño e repetirase de novo os días 10 e 17. Ademais, hai outro obradoiro aberto ao público en xeral na Zona "C", que se celebrará os días 5 e 19 de marzo inscribíndose previamente en nevesseara@gmail.com. Para ambos obradoiros Seara contará coa colaboración da terapeuta e psicóloga Ana Seijo.

Historias re-escritas
Na primeira sesión desenvolveranse dinámicas de apertura e de confianza diante dos demais participantes do taller. Explicaranse conceptos teóricos plásticos sobre a costura, o tecido e a escritura, sempre intentando que a experiencia da arte sexa algo próximo, empregando materiais e linguaxes (costura, escritura...) aos que están máis afeitos, para que así comprendan que a arte só precisa de creatividade para usar os nosos coñecementos e experiencias. Tras ver o traballo de diferentes artistas sobre collage, fotografía intervida con costura, texturas ou debuxos/texto, e comprender as diferentes calidades de transmisión de información segundo a textura e a cor que se empregue, os participantes modificarán e intervirán fotografías.

Na segunda parte do obradoiro afondarase nos aspectos emocionais da expresión artística, traballando en grupo para romper coa vergoña e invitando a que conten a súa propia historia manipulando unha fotocopia en gran formato dunha ou tres fotografías persoais que deberán achegar o primeiro día. O resultado desas intervencións será exposto no centro sociocomunitario nunha pequena exposición final.

O obradoiro estará impartido pola artista Neves Seara e por Ana Seijo Cuba, que é terapeuta e psicóloga con ampla experiencia en talleres creativos e terapias grupais. Forma parte do colectivo Videodinamizarte e realiza talleres con Neves Seara.

73 liñas de horizonte (segunda carta a meu pai)
73 liñas do horizonte é unha intervención especificamente deseñada para o espazo Zona "C". Un título aproximado, xa que o 73 variará en función do resultado final da interacción. Neves Seara realiza unha acción procesual cuxa carga emocional está emocional está volcada no ritual, no xesto, no esforzo físico e na homenaxe. No acto performático a artista realiza dende o chan ata a altura que sexa capaz de abarcar co seu brazo (2,10 cm), sen separar o punzón da parede ata completar as catro paredes da sala. O punzón arañará a capa superficial de pel das paredes, destapando capas, modificando o espazo, rotundo e sutil ao mesmo tempo. O efecto visual resultante varía dependendo do punto de vista do espectador, xerando sensación de movemento envolvente. Incide Neves na importancia do proceso que ocorre antes, a carta silenciosa ao pai cargada de referentes propios, sendo a intervención un espazo que conxela a enerxía e o feito emocional "transcrito" nas paredes.

O esforzo físico que implica realizar a peza, e para a artista fundamental, é forza estética, esencia, mensaxe e historia. O son recollido nas rasgaduras da parede, marca tamén o ritmo vital, o pulo e é testemuña dese esforzo físico. Unha acción cargada de mensaxe con texto emocional e palabras sonoras. Un residuo da acción que quedará documentado como vídeo; un espazo íntimo e de sombras do que poderá participar o espectador.

Compartir: