DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Concello e Universidade de Santiago reforzan a súa colaboración no apoio ao emprendemento e á actividade industrial

02/03/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois visitou este mércores o Edificio Emprendia, no Campus Vida. A visita enmárcase na colaboración entre o Concello e a Universidade de Santiago para aproveitar e reforzar as potencialidades da cidade en materia de investigación, transferencia de tecnoloxía e emprendemento.

O Edificio Emprendia aglutina todos aqueles elementos que fan posible un activo ecosistema de innovación, transferencia e emprendemento na USC e no seu contorno económico e social. No Emprendia poden instalarse e contar con apoio nas súas primeiras fases de desenvolvemento non so as spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, senón tamén proxectos de valorización de resultados de investigación que teñan por obxectivo demostrar a viabilidade técnica e comercial dos mesmos, e facilitar a transferencia o sector empresarial.

Tamén poden aloxarse no Emprendia departamentos de I+D de empresas con traxectoria de colaboración en I+D coa Universidade de Santiago e alto contido innovador. Para estes fins conta cun total de 34 módulos de espazo en aluguer, do cales 16 son espazo tipo laboratorio de 48 metros cadrados e 18 son espazos tipo oficina de 38 metros cadrados.

Para facilitar o xeración e xestión deste tipo de proxectos empresariais innovadores, no Edificio Emprendía alóxanse tanto unidades propias da USC, como a Area de Valorización, Transferencia e Emprendemento, como outros axentes que percorren toda a cadea de valor do emprendemento, dende a xeración de ideas de negocio ata a súa expansión e internacionalización.

Iniciativas como os programas Yuzz, Akademia ou Argos xeran novos proxectos empresariais aos que a sociedade de inversión Unirisco Galicia pode dar soporte financeiro unha vez definidos os plans de negocio e conformados os equipos de traballo. Outros axentes como a Rede de Universidades RedEmprendia tamén contribúen dende o Emprendia a facer deste entorno un ecosistema privilexiado para o xurdimento de novas iniciativas empresariais.

Uninova
Todo este complexo ecosistema é xestionado e coordinado por Uninova, Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, que naceu no ano 1998 por iniciativa da USC e o Concello de Santiago de Compostela, sendo unha das primeiras incubadoras de empresas de ámbito tecnolóxico xurdidas en España. Despois dunha etapa inicial de 10 anos nas instalacións de Mercagalicia no Polígono do Tambre, Uninova atópase dende o ano 2009 no Edificio Emprendia, dende onde segue a contribuír á xeración dun tecido empresarial innovador para o contorno de Santiago.

O Concello de Santiago está especialmente interesado no desenvolvemento empresarial e na implantación de políticas activas de emprego e empregabilidade. Neste sentido, a experiencia de colaboración USC-Concello en emprendemento demostra a efectividade deste tipo de políticas, xa que se ten contrastado que un grupo de 25 empresas xurdidas no ámbito da investigación universitaria nos últimos dez anos chegaron a facturar máis de 16 millóns de euros e a xerar máis de 250 postos de traballo directos, a pesar da súa curta traxectoria.

Compartir: