CONSORCIO

O trompista Martin Owen e a violista Isabel Villanueva impartirán clases a vindeira semana na Escola de Altos Estudos Musicais

02/03/2016 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. Ao longo do ano ofrécese a posibilidade de asistir a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana estarán a recoñecida violista Isabel Villanueva e o trompista Martin Owen. Formarán tanto aos estudantes da Escola como a alumnos/as externos/as interesados en perfeccionar a súa interpretación con estes dous instrumentos.

Para as clases de viola, que se celebrarán o martes e o mércores, xa están todas as prazas cubertas. E as clases de trompa, para as que hai dúas prazas dispoñibles, terán lugar o mércores 9 de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e o xoves 10 de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas. Os músicos externos ao centro que desexen participar nestas sesións de trompa poderán matricularse a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Deberán estar cursando os últimos cursos de grao medio como mínimo.

Martin Owen
O músico británico Martin Owen comezou a súa formación na Real Academia de Música de Londres, onde na actualidade exerce como profesor de trompa. Ex solista da Orquestra Filharmónica de Berlín, dende o ano 2008 é o trompa principal da Orquestra da BBC. Toca con regularidade como solista invitado con diferentes orquestras de todo o mundo, ao tempo que mantén unha variada carreira en solitario, presentándose como solista e músico de cámara nos principais festivais de música.

Isabel Villanueva
Isabel Villanueva, natural de Pamplona, é unha das violistas máis destacadas da súa xeración no eido internacional. En 2015 foi galardoada co Premio Ojo Crítico de RNE da Música Clásica. É valorada pola súa expresión e gran sensibilidade, así como polo seu afán de difundir a viola como instrumento con voz propia. Ten ofrecido numerosos recitais e concertos en Europa, Oriente Medio e Rusia. No ano 2013 converteuse na primeira violista estranxeira en ofrecer recitais en Irán. Toca unha viola de 1670.

Compartir: