FACENDA

O Goberno municipal incorpora 25 das propostas dos grupos da oposición ao proxecto de orzamentos

25/02/2016 A concelleira de Facenda deu conta hoxe das achegas da oposición que foron incorporadas ao proxecto dos orzamentos municipais para 2016. María Rozas explicou que, despois de dous meses de diálogo, incluíronse no documento 25 propostas dos tres grupos da oposición, e outras 8 foron aceptadas parcialmente. A maioría das achegas incorporadas proceden do PSOE e do BNG, se ben a edil incidiu en que o número de propostas dos grupos foi moi dispar (4 do PP, 31 do PSOE e 10 do BNG).

María Rozas trasladoulle esta mañá aos grupos da oposición a decisión do Goberno en canto á incorporación das súas propostas, dando así por pechada a comisión técnico-política que viña negociando desde comezos de xaneiro. Toda a información foille entregada tamén aos servizos económicos do Concello e, a partir de agora e ata o pleno no que se debatan os orzamentos, celebraranse reunións bilaterais entre o alcalde e os voceiros de PP, PSOE e BNG.

Propostas aceptadas
Entre as achegas aceptadas, a concelleira de Facenda salientou o compromiso para modificar o modelo das subvencións nominativas, establecendo un plan para ilas mudando gradualmente a subvencións competitivas ao longo do mandato. O obxectivo é que en 2019 se reduza o 30% da contía total destas axudas, que en 2016 sumarán máis de 1 millón de euros.

A petición de PP e PSOE, o Goberno de Compostela Aberta incrementou as partidas para instalacións deportivas en 138.000 euros, que permitirán construír un muro de peche no campo de fútbol de Conxo e poñer en marcha un plan para a reparación de cubertas. En materia de mantemento, tamén se incorporou unha nova partida de 50.000 euros para obras que lle poñan fin a situacións de asolagamento. Neste caso, o Goberno tamén asume un compromiso para todo o mandato, por un importe global de 250.000 euros. Outra das propostas incorporadas é a dunha partida para arranxar a calefacción do Centro Sociocultural de Santa Marta.

En materia de emprego, o Goberno incrementou a partida prevista en 170.000 euros, respondendo a unha proposta de BNG e PSOE. Tamén aumenta en 180.000 euros a partida para o programa Santiago Suma, cuxa ordenanza está sendo modificada pola Concellaría de Políticas Sociais, o que permitirá incorporar novas liñas de acción social, como subvencións para o aluguer de vivendas, programa de saúde bucodental, bolsas para material escolar...

Tamén como programa plurianual para todo o mandato, o Goberno incorporou aos orzamentos unha partida de 40.000 euros para subministro de sinais á zona rural. Ata 2019, investiranse un total de 120.000 euros. Por último, aumentarán as partidas para normalización lingüística e para formación do persoal.

María Rozas explicou que os grupos da oposición non fixeron ningunha proposta sobre a diminución de partidas para incorporar as súas propostas. A decisión do Goberno foi reducir os investimentos en Estudos e traballos técnicos, Modernización e Informática e actividades de distintas concellarías. Tamén se suprimiu unha partida de 150.000 euros para acondicionar a antiga sede de Emuvissa e convertela na Casa das Mulleres. A concelleira de Facenda salientou que o Goberno non abandona este proxecto, senón que está buscando novas vías orzamentarias e estudando outras locais alternativos.

En canto ás propostas da oposición que foron rexeitadas polo Goberno, María Rozas explicou que algunhas delas xa foran desestimadas polo Pleno da Corporación, e outras estaban vinculadas aos orzamentos de Tussa ou de Incolsa, que xa están aprobados. Tamén aclarou que o Executivo decidiu non incorporar unha partida específica para a EDAR, como propuña a oposición, porque esta infraestrutura non está incluída nin nos orzamentos do Estado nin nos da Xunta. Iso si, a edil de Facenda trasladoulles aos grupos a decisión do Goberno de aprobar en pleno un expediente de modificación de crédito se finalmente as dúas administracións deciden incluír os proxectos nas súas contas. María Rozas aclarou que, do outro xeito, o Concello tería nos seus orzamentos unha partida reservada que non se gastaría na depuradora e non podería ser destinada a ningún outro fin.

Compartir: