DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E TURISMO

Corenta expositores venderán as súas pezas na III Feira de Antigüidades de Santiago

25/02/2016 O Palacio de Congresos e Exposición de Galicia acollerá os días 26, 27 e 28 de febreiro a III Feira de Antigüidades de Santiago de Compostela, á que asistirán 40 expositores de España e varios países europeos. O evento foi presentado en rolda de prensa pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois.

Marta Lois destacou "a proxección para toda Galicia e mesmo comunidades veciñas e o norte de Portugal" desta Feira de Antigüidades. O feito de que a organización repita por terceiro ano en Santiago, dixo, "é a mellor mostra de que efectivamente a nosa cidade ten un atractivo especial para os eventos que se celebran aquí". Neste sentido, a concelleira agradeceu a aposta por celebrar a Feira en febreiro, "un mes de temporada baixa no que, non obstante, a cidade segue tendo atractivo para as empresas e entidades que queiran desenvolver os seus eventos e actividades en Compostela".

Na presentación en rolda de prensa do evento, Marta Lois estivo acompañada por Ángel Moix e Mari Cruz Madrid, organizadores da Feira, e pola directora do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, Belén Montero.

Pezas para todos os gustos
A Feira de Antigüidades diríxese tanto aos coleccionistas como a calquera persoa interesada nas antigüidades, que pode atopar pezas curiosas ou cun valor sentimental. Os expositores terán unha ampla variedade de pezas, como máquinas de escribir antigas, radios, teléfonos, gramófonos, mobles, discos, xoguetes, ferramentas… Tal como destacou Ángel Moix, haberá artigos "para todos os gustos e de todos os prezos".

O evento ofrece tamén a oportunidade de que os asistentes poidan levar as súas pezas antigas para que os anticuarios participantes poidan facerlle unha taxación precisa. Inclúese tamén a posibilidade de que vendan eles mesmos esas pezas, que quizais teñen máis valor do que o propio propietario pensa.

Horario, prezos e sorteo
A Feira abrirá o venres 26 de 17:00 a 21:00 horas. O sábado 27 e domingo 28 terá un horario de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas. O prezo da entrada, que será valida para os tres días da feira, é de tres euros, aínda que se rebaixará a aquelas persoas que presenten os vales que se están repartindo en folletos por toda a cidade. Estes vales, con descontos de 0,50 euros, poden descargarse tamén na páxina en Facebook do Palacio de Congresos.

O domingo sortearase unha peza antiga entre os asistentes.

Compartir: