MEDIO AMBIENTE

A Tropa Verde chegará este ano aos colexios de secundaria de Compostela

24/02/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentou hoxe as actividades previstas para este ano no marco do proxecto Tropa Verde. Xan Duro explicou que en 2016 se quere traballar "en tres liñas básicas: a ampliación e difusión da Tropa Verde, a implantación do programa nos colexios de secundaria, e as campañas específicas asociadas a residuos concretos como os aceites vexetais de fritura ou as pilas. Na rolda de prensa, o edil estivo acompañado por Miguel Varela, de Teima Desenvolvemento, a firma que se encarga do programa.

A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia quere que este ano medre o número de cidadáns participantes na Tropa Verde. Para iso, farase un maior esforzo en promoción e publicidade do programa, elaborarase novo material de merchandising como camisolas, flyers informativos ou bolsas de tela respectuosas co medio ambiente. Tamén se fará un esforzo para desenvolver novas funcionalidades técnicas que fomenten a interacción entre os cidadáns rexistrados e a plataforma.

Xan Duro explicou que o seu Departamento ten especial interese en concienciar aos máis novos na importancia da reciclaxe e do coidado do medio ambiente. Por iso, para este ano están previstas dúas campañas de sensibilización, ao abeiro da Tropa Verde, dirixidas a estudantes de secundaria de Compostela. En concreto, faranse dous concursos de reciclaxe de aceites de fritura e de pilas, nos que os estudantes farán equipos dentro do propio colexio e gañará o grupo que maiores cantidades recicle. Está previsto que se desenvolva material informativo específico.

Campañas específicas
A terceira das liñas prioritarias de actuación da Tropa Verde neste ano serán campañas específicas ligadas a un tipo de residuo determinado. A primeira delas será en abril, e estará centrada nos aceites de fritura vexetais. O obxectivo é concienciar do alto poder contaminante deste produto, xa que "un litro de aceite vexetal usado pode contaminar 1.000 litros de auga, mentres que un litro de aceite vexetal reciclado pode xerar un litro de biocombustible.

Xa en maio, está prevista unha campaña sobre pilas, baterías e pequenos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos. Segundo datos da ONU, en 2014 xeráronse 42 millóns de toneladas de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos en todo o mundo, dos que só se reciclou o 15,5 por cento. En Europa, cada habitante xera uns 15,6 quilos deste tipo de residuos cada ano. Por iso. a Tropa Verde quere concienciar á cidadanía da importancia da reciclaxe destes aparellos, e do valioso da súa reutilización.

A terceira das campañas específicas para este 2016 será a participación na Semana Europea da Prevención de Residuos, que celebra en novembro a súa oitava edición. O obxectivo é difundir o concepto da prevención de residuos, e evidenciar o seu impacto no medio ambiente e na loita contra o cambio climático.

Máis de 1.500 cidadáns rexistrados en menos dun ano
Tropa Verde é un proxecto tecnolóxico e innovador desenvolvido por Teimas Desenvolvemento, que premia a conciencia ecolóxica da veciñanza. Os cidadáns inscritos na plataforma reciben puntos cada vez que fan accións responsables medioambientalmente, como depositar residuos nos lugares acaídos, ou asistir a eventos de sustentabilidade. Eses puntos pódense trocar por distintos agasallos e premios que entrega nos locais patrocinadores.

O proxecto púxose en marcha en maio de 2015. Neste tempo, máis de 1.500 cidadáns rexistráronse na plataforma, e conseguiuse a patrocinio de 115 establecementos do comercio e da hostalería compostelá. Outros datos que falan do éxito do programa son que, en menos dun ano, repartíronse 4.700 cheques e ofertáronse 1.500 recompensas por un valor de 12.000 euros.

O proxecto Tropa Verde vén de recibir o diploma de finalista do Premio Ciudad Sostenible, na categoría de Xestión de Residuos, que entrega a Fundación Fórum Ambiental en colaboración con Ecoembes e co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Pódese consultar toda a información sobre o proxecto na web www.tropaverde.gal.

Compartir: