POLÍTICAS SOCIAIS

A concelleira de Políticas Sociais visita as dependencias de Cáritas Interparroquial na cidade para coñecer o seu traballo

24/02/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, fixo unha visita esta mañá ás dependencias que Cáritas Interparroquial ten por toda a cidade. A visita comezou na sede de Cáritas na rúa Hospitaliño, continuou polo centro Abeiro en Fontiñas e rematou en Vieiro.

Trátase da primeira das visitas que a concelleira realizará durante o primeiro semestre do ano a distintas entidades. Concha Fernández comprometeuse a facelo despois de ter recibido no Pazo de Raxoi a distintas asociacións durante os primeiros meses de mandato, entre elas Cáritas Interparroquial.

Concha Fernández destacou a importancia da "colaboración entre entidades sociais como Cáritas, que van profesionalizando as súas actuacións, e o Concello na axuda ás persoas que pasan dificultades". É por iso que o Concello mantén para este ano 2016 os 100.000 euros do convenio coa asociación para o Programa de Atención Primaria, sufragado nun 41% con fondos municipais.

A colaboración do Concello con Cáritas maniféstase tamén no programa Abeiro, de atención a familias monoparentais, fundamentalmente mulleres soas cos seus fillos e fillas. A entidade está a utilizar un piso de titularidade municipal cuxa cesión remata en xuño e que se vai prorrogar "pola importancia e o gran labor que dende este programa se está a facer con estas persoas".

Compartir: