ALCALDÍA

O alcalde preside a ofrenda floral a Rosalía de Castro no 179º aniversario do seu nacemento

24/02/2016 Este 24 de febreiro cúmprense 179 anos do nacemento de Rosalía de Castro e, como é habitual, a escritora foi homenaxeada cunha ofrenda floral diante do busto que a recorda, no paseo da Alameda compostelá. O acto estivo presidido polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e contou coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Tamén asistiron a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, os voceiros dos grupos da oposición e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entre outras autoridades.

O alcalde aproveitou a súa intervención no acto para reivindicar a figura de Rosalía de Castro "sen esquecer as dificultades ás que se enfrontou na Compostela do século XIX na que viviu parte da súa vida". Nese sentido, Martiño Noriega lembrou que a escritora foi criticada "por defender un papel activo da muller na sociedade ou por reivindicar o galego cando o uso da nosa lingua estaba mal visto pola clase dominante". O rexedor avogou porque o exemplo de Rosalía de Castro sexa tido en conta na actualidade, "cando os informes din que o 75% dos galegos menores de 15 anos non utilizan a nosa lingua, e que dentro de 30 anos só o falará un de cada catro galegos".

A homenaxe a Rosalía de Castro comezou cun pasarrúas a cargo do grupo Os Carapaus, que tamén pechou o acto coa interpretación do Himno Galego. Pola súa parte, os alumnos do IES Rosalía de Castro encargáronse de ler algúns dos poemas máis coñecidos da escritora.

Compartir: