ACCIÓN CULTURAL

A Concellaría de Acción Cultural organiza no CSC da Trisca un taller de animación á escrita e de promoción da lectura activa

02/03/2016 A Concellaría de Acción Cultural programou un suxestivo taller práctico de animación á escrita e de promoción da lectura activa. A partir do luns 7 de marzo e durante oito xornadas, no Centro Sociocultural da Trisca (Corredoira das Fraguas, 92), os participantes coñecerán as ferramentas básicas para a elaboración dun pequeno poemario ou "suite" poética. A inscrición segue aberta.

A poeta e xornalista Olalla Cociña exercerá de titora e coordinadora deste laboratorio, que contará tamén coa visita de poetas de diferentes xeracións e estéticas. Falarán das súas inquedanzas á hora de afrontar o proceso creativo.

Este laboratorio quere ser punto de partida para o traballo compartido e de encontro cun grupo que no seo dos centros socioculturais comece a súa propia viaxe poética e a visibilice.

Inscrición
Calquera persoa interesada na poesía, maior de 16 anos, pode participar. Para inscribirse debe dirixirse ao correo electrónico bibliotecacsc@santiagodecompostela.gal, indicando nome completo, idade, enderezo electrónico e teléfono. O prezo do taller é de 10 euros.

A inscrición está aberta ata completarse as 15 prazas dispoñibles. Avisarase por teléfono ás persoas admitidas para que poidan formalizar o pagamento, unha vez que se forme o grupo.

Documentos relacionados



Compartir: