CENTROS SOCIOCULTURAIS

Cita esta fin de semana no Castiñeiriño co programa "Imos ao baile 2016"

24/02/2016 O programa Imos ao baile 2016 ten este sábado, 27 de marzo, unha nova cita no Centro Sociocultural do Castiñeiriño. Esta iniciativa, que arrancou o pasado 30 de xaneiro cun baile no CSC de Laraño, ten previsto este ano 28 bailes, repartidos entre diferentes centros socioculturais e a devandita Casa das Asociacións.

Este sábado, ás 17:30 horas, a sesión do Castiñeiriño estará amenizada por Mr. Cool & Felipe Castro. Como sempre, a entrada será de balde ata esgotar o aforo da sala do centro sociocultural.

Esta programación de bailes con orquestra responde á demanda dos propios maiores e aos beneficios saudables que reporta, tanto físicos como psíquicos. Por unha banda, afecta de maneira moi positiva á coordinación, aos músculos -fortalecéndoos e mellorando a súa flexibilidade, forza e resistencia-, á saúde postural e ao sistema cardiovascular, facilitando a circulación do sangue e o ton da pel. Por outra, no eido psíquico, o baile favorece a socialización, a relaxación, a autoestima e a confianza, pois está comprobado que bailar fomenta a confianza nun mesmo e a claridade de pensamento.

Participan da proposta grupos musicais ben recoñecidos polo seu traballo neste ámbito e que gozan dunha boa acollida entre os usuarios deste programa, habitual xa na rede de centros socioculturais.

Imos ao baile pretende ser un convite a participar e gozar na compaña doutros veciños e veciñas de Compostela en espazos relacionais como son os centros socioculturais da zona urbana e das parroquias, e a Casa da Asociacións de Cornes.

Direcciones relacionadas



Compartir: