CONVIVENCIA

A Policía Local ensina educación viaria no Colexio de Educación Especial A Barcia

17/02/2016 A Policía Local de Santiago continúa co seu programa Vivimos as mesmas realidades, que ten como obxectivo fomentar a educación viaria nos centros de educación especial. Esta mañá, os axentes achegáronse ao Colexio de Educación Especial A Barcia, no que estudan uns 60 rapaces de entre 3 e 21 anos e afectados por distintas patoloxías. Alí, amosáronlle aos nenos e mozos como é o seu traballo, e mesmo lles deixaron coñecer de cerca o material e os vehículos que utilizan.

O programa Vivimos as mesmas realidades, que xa chegou nas últimas semanas á sede da Fundación Down e ao Colexio de Educación Especial Manuel López Navalón, pretende que os alumnos e alumnas aprendan a circular con seguridade, e que o fagan dunha maneira lúdica. Nunha primeira parte, os axentes explican a teoría botando man de xogos ou cancións, para despois facer unha aplicación práctica dos valores aprendidos, a través de saídas programadas á vía pública e visitas ás dependencias da Policía Local. Deste xeito, o programa contribúe a que estes rapaces gañen en autonomía e melloren a súa integración social, familiarizándoos coas sinais de tráfico, coas normas para o uso da bicicleta ou dos ciclomotores, e amosándolles como deben comportarse como peóns.

Ademáis destas visitas aos centros de educción especial, a Policía Local está percorrendo os colexios de Compostela co programa de seguridade viaria Móvete seguro con Moito Olliño. No que vai de curso, foron xa máis de 500 alumnos de 4º e 6º de Primaria os que participaron nas actividades nos CEIP López Ferreiro, Raíña Fabiola e Quiroga Palacios, e nos colexios Manuel Peleteiro, San Pelayo-Emma e A Salle.

Os centros escolares de Compostela interesados nestes programas poden poñerse en contacto co Departamento de Educación Viaria do Concello de Santiago, a través do e-mail: educacionvial@santiagodecompostela.gal ou no Facebook Educación Viaria en Compostela.

Compartir: