CONVIVENCIA E MOBILIDADE

O Concello de Santiago analiza o modelo de mobilidade da cidade de Pontevedra

17/02/2016 Os concelleiros de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, e de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, encabezaron a delegación do Concello de Santiago que hoxe se desprazou a Pontevedra para coñecer o seu modelo urbano e a aposta que a cidade vén facendo nos últimos anos pola peonalización. A visita enmárcase nos traballos previos á elaboración do Plan de Mobilidade de Compostela, e nela tamén participaron técnicos de Urbanismo, representantes da Policía Local e dos Bombeiros, e o voceiro do BNG, Rubén Cela.

A delegación compostelá foi recibida no Concello de Pontevedra polo seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, antes de manter unha reunión de traballo de perfil técnico. Despois, percorreu as rúas da cidade do Lérez para coñecer in situ o funcionamento do seu modelo urbanístico.

No transcurso da visita, o concelleiro compostelán de Espazos Cidadáns cualificou de "exemplar" o traballo feito en Pontevedra nos últimos anos para "minimizar o impacto do vehículo privado e recuperar espazo para os cidadáns". Jorge Duarte sinalou que "en Compostela xa se deron moitos pasos nesta liña, pero fundamentalmente no casco histórico". Agora, incidiu, "toca traballar para facer as rúas de Santiago máis accesibles e máis cómodas para os cidadáns".

O edil explicou que en Compostela poderíanse aplicar algunhas decisións adoptadas en Pontevedra para a ordenación do tráfico, sempre atendendo ás peculiaridades da capital galega e tendo en conta a opinión da cidadanía.

Compartir: