ALCALDÍA

O alcalde coñece os valiosos fondos da Fundación Eugenio Granell

17/02/2016 O alcalde visitou esta mañá a sede da Fundación Granell, no Pazo de Bendaña, para coñecer os valiosos fondos da entidade. Martiño Noriega estivo acompañado no percorrido pola directora da Fundación e filla de Eugenio Granell, Natalia Fernández Segarra.

O alcalde puido coñecer a biblioteca persoal de Granell, agora custodiada no Pazo de Bendaña, e formada por ducias de libros, moitos deles con anotacións do artista. Boa parte dos volumes están dedicados ao surrealismo e á política, as dúas paixóns de Granell. Martiño Noriega tamén visitou o arquivo da Fundación, onde se gardan cartas, manuscritos, e borradores de libros que aínda non foron publicados.

A visita continuou pola sala de restauración da Fundación Granell e polos distintos almacéns, que conservan boa parte das máis de 1.700 pezas asinadas polo artista surrealista ao longo da súa vida. O alcalde tamén puido coñecer algunhas curiosidades, como as notas persoais que Eugenio Granell lle deixaba á súa muller, Amparo Segarra, e que son pequenas obras de arte.

Martiño Noriega lembrou o compromiso do Concello coa Fundación Granell, á que lle fai cada ano unha achega directa de 140.000 euros. A esa cifra hai que sumarlle os 90.000 euros que o Consorcio aporta á entidade.

Compartir: