ACCIÓN CULTURAL

O Entroido de Compostela volve apostar pola participación da veciñanza

02/02/2016 A concelleira de Acción Cultural presentou este martes a programación coa que se vai celebrar o Entroido en Compostela, con tres citas clave: o desfile do Meco e o pregón, o sábado 6; o desfile do Martes de Entroido; e a queima do Meco, o mércores 10. Na rolda de prensa, Branca Novoneyra estivo acompañada por membros das dúas comparsas máis antigas de Compostela, Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño, e por José Manuel Méndez, o creador do Meco.

A figura deseñada este ano por Méndez é un porco de tres cabezas, que o artista bautizou como o "SantiMeco tricéfalo". Leva un gorro con tres coroas, "en representación dos poderes humano, terreal e celestial", e inclúe claras alusións ao mal uso do poder económico. Así, "o porco leva nunha man un rato cunha tarxeta black e na outra un paxaro que mestura un corvo cun voitre".

Co desfile do Meco dende a praza de Cervantes ata a Praza do Toural darán comezo as celebracións do Entroido de Compostela, o sábado 6. A cita será ás 20:00 horas e na comitiva participarán as comparsas Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño, co acompañamento con percusión a cargo de Aperta.

Unha vez que o boneco sexa subido ao balcón do Pazo de Bendaña, terá lugar o pregón de inicio das festas, a cargo de Arturito Puy e Fabián Santomé, compoñentes de Os da Ría. A formación ofrecerá despois un concerto para presentar o seu último traballo, titulado Disco Póstumo.

Desfile do Martes de Entroido
O día grande será o Martes de Entroido. Pola mañá, a charanga Recobio desfilará polas rúas da cidade para ir creando ambiente de cara ao desfile da tarde, que partirá da Estación do Ferrocarril ás 17:30 horas. O percorrido será o habitual, polas rúas Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I.

Os participantes concentraranse no Paseo Central da Alameda, onde Sergio Tannus Trío ofrecerá un concerto ata que se celebre a entrega de premios, en torno ás 21:00 horas. Se o tempo o permite, o desfile estará presidido polos Xenerais da Ulla.

Branca Novoneyra explicou que a principal novidade do desfile ten que ver cos premios, "porque o Concello quere animar á participación da veciñanza de Compostela no día grande do Entroido". Para iso, decidiuse duplicar a contía do premio á mellor comparsa de Santiago, que pasa dos 600 euros do ano pasado a 1.200. O segundo premio nesta categoría está dotado con 600 euros, e o terceiro, con 400. Os demais premios mantéñense nas contías do ano pasado, nas categorías de carrozas, comparsas, grupos, parella e individual.

A terceira gran cita do Entroido compostelán é a queima do Meco, o mércores 10. A partir das 20:00 horas, a figura será trasladada dende a praza do Toural ata a praza Roxa, nun desfile que estará animado pola comparsa A Ruliña de Laraño e no que pode participar quen o desexe, vestido de rigoroso loito para a ocasión. Ás 21:00 horas terá lugar a queima do Meco na praza Roxa, un acto que contará coa animación de Ni Fú Ni Fá, co acompañamento da Banda Municipal de Música.

Outras actividades
A maiores destas tres grandes citas, a programación do Entroido deixa outras moitas propostas para os vindeiros días. No domingo 7 haberá animación polas rúas de Compostela coa comparsa Os Conformistas de Conxo e a charanga Os Atrevidos, que desfilarán por toda a cidade, dende o barrio de Conxo ata o Franco, pasando pola praza Roxa ou a Alameda.

Ese mesmo día, a partir das 17:00 horas, celebrarase o Festival Infantil de Disfraces na Sala Capitol, con animación a cargo de Ni Fú Ni Fá. Como é tradicional haberá tamén baile, discoteca, sorteo de agasallos e concurso de disfraces. Nel poden participar rapaces de ata 14 anos, que deberán inscribirse no mesmo día entre as 16:30 e as 17:45 horas. No concurso entregaranse premios en tres categorías: grupo, parella e individual.

Xa o luns 8, o Pazo de Bendaña, na Praza do Toural, acollerá un obradoiro de percusión con Aberta e un obradoiro de máscaras africanas a cargo de Abrollarella. A entrada é libre, ata completar aforo.

Propostas dos centros socioculturais
Os centros socioculturais da cidade tamén van celebrar o Entroido por todo o alto. Farano con festas de disfraces e merendas nos centros de A Rocha, O Ensanche, As Fontiñas, A Trisca, O Castiñeiriño, Cardenal Quiroga, San Lourenzo, Vite, Conxo e Pontepedriña. Tamén se programaron bailes para adultos nos locais de Laraño e A Gracia.

En canto aos obradoiros relacionados co Carnaval, os centros socioculturais do Ensanche, Conxo, Santa Marta, Amio, Casco Histórico, As Cancelas e A Trisca están acollendo un obradoiro sobre construción do Meco, e noutros centros celebráronse obradoiros específicos para as comparsas dos barrios.

Xenerais da Ulla
O Goberno local tamén segue apostando pola recuperación e o impulso do Entroido tradicional dos Xenerais do Ulla, en colaboración con outros municipios da comarca. Por iso, o Concello está a ter unha participación activa nos catro atranques dos Xenerais da Ulla que son tradicionais en Compostela.

Na pasada fin de semana celebráronse os primeiros en Marrozos e Angrois. En Aríns serán o sábado 6 e, no Eixo, o domingo 7 de febreiro. O Concello está a colaborar cunha carpa con actividades, na que os cativos poden participar en obradoiros para a realización de chaquetas e gorros dos xenerais, e tamén poden ver unha obra de Títeres Cachirulo relacionada co Entroido da Ulla.

Direcciones relacionadas



Compartir: