EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A mesa de contratación propón a Serunion como concesionaria do servizo de comedores escolares ata final de curso

01/02/2016 A Mesa de Contratación reuniuse esta mañá para resolver a concesión do servizo de comedores e madrugadores do Concello de Santiago. A proposta da Mesa pasa por concederlle o servizo a Serunion, que se encargará de prestalo ata finais de curso.

Con esta decisión "lógrase estabilizar administrativamente o servizo de comedores que se viña prestando con absoluta normalidade dende principios de curso", tal e como quixo subliñar o concelleiro de Educación, Manuel Dios.

Melloras
Neste prego inclúense melloras na prestación do servizo e recoñecemento dos dereitos laborais dos traballadores que non se recollían no anterior, de tal forma que os 54 monitores cobrarán pola media hora máis que estaban a traballar.

A partir de agora, o Departamento de Educación centrará os seus esforzos en redactar un novo prego para os vindeiros cursos escolares en estreita e permanente interlocución coas ANPAS. O presidente da Federación de ANPAS da cidade, Fernando Lacaci, xa foi informado polo concelleiro de Educación do resultado da mesa de contratación.

Compartir: