CONSORCIO

A Real Filharmonía, dirixida por Antonio Wit, acompaña esta semana á virtuosa violinista polaca Aleksandra Kuls, de tan só 25 anos

01/02/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro terá lugar o xoves en Santiago, no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas. Ao día seguinte, o venres, a orquestra tocará no Teatro Jofre de Ferrol, ás 20:30 horas.

En ambas actuacións levará a batuta o mestre polaco Antoni Wit, actual director titular e artístico da Orquesta Sinfónica de Navarra, ademais de director honorario da Orquestra Filharmónica de Cracovia. Colaborou con Herbert von Karajan e traballou coas principais orquestras de Polonia, antes de asumir o cargo durante doce anos de director xeral e artístico da Filharmónica de Varsovia. Dirixiu importantes orquestras en toda Europa, América e China. Foi nominado aos Premios Grammy ata en seis ocasións e ten rexistradas máis de 150 gravacións con diferentes selos discográficos.

Os concertos comezarán coa estrea en España de Lullaby (Canción de cuna), do compositor polaco Andrzej Panufnik (1914-1991). Escribiuna en 1947, a raíz dunha visita a Londres. Un paseo nocturno pola cidade, contemplando o río Támesis e as nubes escuras sobre a lúa chea, impulsáronlle a idea de transmitir a escena coa súa música.

O violín de Aleksandra Kuls
A continuación, a RFG achegará ao público o Concerto para violín de Karlowicz (1876-1909). Esta obra será interpretada pola nova e virtuosa violinista polaca Aleksandra Kuls, de tan só 25 años. Debutou aos 10 anos ofrecendo o seu primeiro concerto con orquestra. Foi laureada en numerosos concursos internacionais e actuou con grandes orquestras en Polonia, Italia, Francia, Alemaña, Turquía, Hungría, Ucrania, Estados Unidos ou China, baixo a batuta de prestixiosos directores.

Os concertos de Santiago e Ferrol concluirán coa Sinfonía nº 8 do compositor bohemio Antonín Dvorák (1841-1904).

Compartir: