ALCALDÍA

Reunión de Martiño Noriega co xerente do Centro Comercial As Cancelas, Javier Casado

01/02/2016 O alcalde recibiu este mediodía no Pazo de Raxoi o xerente do Centro Comercial As Cancelas. Foi unha primeira toma de contacto entre Martiño Noriega e Javier Casado, que accedeu ao cargo no pasado mes de outubro. Na reunión, Casado informou ao alcalde da boa marcha da gran superficie, que ten ocupado o 97% dos seus locais e que xera entre 1.700 e 2.000 empregos.

O alcalde aproveitou o encontro para informar ao xerente das Cancelas dalgunhas queixas dos veciños da zona que teñen relación co centro comercial. En concreto, Martiño Noriega deulle conta dunha demanda histórica da asociación de veciños do Camiño Francés, que leva anos denunciado que as obras na superficie comercial provocaron fendas nas vivendas.

Tamén se falou dos problemas de tráfico na contorna do centro comercial, sobre todo en momentos puntuais. O alcalde vaille entregar a Javier Casado un dossier informativo, para seguir falando dalgunhas demandas relacionadas coas Cancelas.

Compartir: