ESPAZOS CIDADÁNS

As liñas de transporte público mantéñense por riba dos sete millóns de usuarios en 2015

01/02/2016 As liñas de transporte público xestionadas por Tussa sumaron o ano pasado 7.124.117 usuarios, un 0,52% menos que no ano anterior. É un dos datos máis salientables do balance presentado este luns polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte. O edil explicou que este informe será levado nos próximos días ante os membros do Consello de Administración de Tussa, que tamén serán informados dos resultados das enquisas de satisfacción que se viñeron realizando ao longo do ano.

O concelleiro recoñeceu que os datos non son especialmente positivos, se ben "marcan un claro estancamento na perda de viaxeiros dos últimos anos". En 2015 utilizaron as liñas do transporte público 7.124.117 persoas, 36.991 menos que en 2014 (-0,52%).

Tal como explicou o edil, neste lixeiro descenso inflúen varios factores. O primeiro é que 2015 tivo un día laborable menos e un sábado máis que o ano anterior, o que supón unha variación no número de usuarios de 14.421 persoas. En segundo lugar, estímase que as mobilizacións do sector gandeiro no mes de setembro puideron supor unha perda de 21.720 viaxeiros. Jorge Duarte lembrou que o transporte urbano leva sete anos consecutivos perdendo usuarios, unha tendencia "vinculada á crise económica, e cunha dobre vertente: os desempregados que non necesitan utilizar o autobús, e a perda de poder adquisitivo que fai que se recorte neste tipo de gastos".

Ao igual que en anos anteriores, a liña de autobús con máis usuarios foi a L6 (San Marcos-Os Tilos), que sumou 1.197.190 viaxeiros, o 16,8% do total. Séguenlle a Liña 1 (Cemiterio de Boisaca-Hospital Clínico), con 1.102.939 usuarios (15,48 % do total); a C11 (Circular de Fontiñas), con 1.046.230 viaxeiros (14,69 % do total); e a L5 (Vite-Estación de Autobuses-Praza Roxa-Conco-A Rocha), con 968.360 usuarios (13,59% do total). No extremo oposto, as liñas menos utilizadas en 2015 foron a P4 (Praza de Galicia-Sionlla), a P6 (rúa da Rosa-Polígono do Tambre) e a P7 (Porta do Camiño-Peregrina-Grixoa).

Comparando os datos de 2015 cos do ano anterior, destaca o incremento de viaxeiros nas liñas 9 (Casas Novas-Cidade da Cultura), C11 (Circular de Fontiñas), P2 (Ortoño), e P3 (Santa Lucía), que gañaron máis dun 4% de usuarios. Mentres, as liñas 5 (Estación de Autobuses-Vite-A Rocha), 13 (Belvís-Praza de Galicia-Xeneral Pardiñas), 15 (Campus Norte-Campus Sur) e P1 (Figueiras) perderon máis dun 4% de viaxeiros o ano pasado en relación a 2014.

Tipo de tarifas
En 2015, o tipo de tarifa de transporte público máis utilizado foi o bono pensionista, con 2.266.957 usuarios, o que equivale a un 31,82% do total e un aumento do 2% con respecto a 2014. Mentres, o bono ordinario baixou un 0,5%, con 2.226.230 usuarios (31,24% do total de viaxeiros). O billete ordinario foi empregado por 1.320.885 persoas, un 18,54% do total e un 4% menos que en 2014.

Na comparativa entre 2015 e 2014 destaca o aumento nun 5,21% do transbordo usuario, que pasou de 91.774 usuarios en 2014 a 96.559 en 2015. O dato demostra unha importante tendencia á alza deste tipo de tarifa, se ben segue supoñendo só o 2% do total de usuarios. O concelleiro de Mobilidade explicou que esta baixa demanda "ten que ver coa configuración das redes de transporte, con 19 liñas que pasan polo centro urbano e que fan menos útil o servizo do transbordo". Jorge Duarte entende que "é preciso substituír este modelo tan concéntrico por outros no que as liñas estean deseñadas de xeito similar ás do metro, como se fixo por exemplo en Vitoria".

Plenario sobre transporte público
Precisamente, mañá martes celebrarase o segundo plenario dentro dos traballos previos á elaboración do Plan de Mobilidade, e esa reunión estará centrada no transporte público. A cita será ás 19:30 horas na Sala Circular do Auditorio de Galicia, e terá como relator principal a Carlos González Lozano, director xeral do Consorcio de Transporte de Asturias. Ademais das súas aportacións, recolleranse as de todos os participantes na xuntanza, para despois incorporalas ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible.

De cara á redacción dese documento, a cidadanía en xeral pode seguir facendo as súas aportacións a través da páxina web www.santiagodecompostela.gal/pactomobilidade, e da conta de Twitter de @maisbus, co hashtag #MoveCompostela.

Compartir: