POLÍTICAS SOCIAIS

Nace Prestogal veciñanza, unha plataforma web para promover o consumo colaborativo

28/01/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou esta mañá en rolda de prensa a plataforma web Prestogal, que quere promover e potenciar o consumo colaborativo na nosa cidade. Facilitará o intercambio, préstamo e cesión de recursos entre os veciños e veciñas da cidade.

Na rolda, que tivo lugar no Hervor & Fervor, a concelleira estivo acompañada de traballadoras sociais, representantes da Asociación de Veciños e Veciñas "As Marías" e das seis traballadoras de Promove, a empresa compostelá encargada de deseñar, adaptar e implantar o Prestogal no noso concello.

A sociedade ten por diante o reto de pasar do consumo e gasto individual incontrolado, cara un re descubrimento do ben colectivo. As administracións, como non pode ser doutra forma, temos moito que facer para promover e apoiar este cambio de actitude da nosa sociedade.

O Concello de Santiago, consciente da necesidade de intervir promovendo este cambio cara unha sociedade mais sostible e solidaria no ámbito local, pon en marcha o Prestogal veciñanza. A diferenza doutro tipo de plataformas privadas, dende o Concello apóstase por impulsar unha plataforma pública como o Prestogal, porque se cumpre así con tres obxectivos que encaixan nas liñas de Goberno municipal: facer unha cidade máis sostible, reducindo o hiperconsumo; facer unha cidade máis participativa, fortalecendo o tecido asociativo nos barrios; e facer unha cidade máis solidaria.

O Concello financia a adaptación do Prestogal á cidade de Santiago, achegando unha ferramenta que facilite os intercambios, préstamos e cesións de recursos entre a veciñanza.

Este programa estará dirixido ás asociacións veciñais, para que sexan as persoas socias as que podan acceder ao uso da plataforma. Desta forma non só se fortalece a relación entre as persoas que forman parte da asociación, senón que serve de estímulo para que outras persoas do barrio se asocien.
Ademais, o persoal da área de Políticas Sociais que fai a intermediación con persoas sen recursos do concello terá un perfil de usuario na plataforma para lanzar peticións que podan ser respondidas por veciños e veciñas solidarias de Compostela.

Durante o ano 2016 farase seguimento e avaliación dos resultados do Prestogal como experiencia piloto, que se implantará en colaboración coa Asociación "As Marías". Un convenio asinado entre o Concello e esta Asociación, permitirá implantar a ferramenta entre a veciñanza das rúas Espírito Santo, Basquiños, Pastoriza, Santa Clara, San Roque, Oviedo, Avda de Coimbra, Avda de Salamanca e Praza de Ultreia.

Ademais da ferramenta web, o proxecto piloto contempla a identificación e implicación dos responsables dos Puntos Prestogal no barrio. Os puntos Prestogal poden ser establecementos de hostalería, comercios ou centros socioculturais que sirvan de espazos de encontro ou depósito dos obxectos que se prestan, ceden ou intercambian.

O primeiro punto Prestogal identificado no barrio é o Hervor&Fervor, un local de hostalería cuxos responsables, Ramón e Cris, manifestaron e asinaron un compromiso para facer difusión da ferramenta a pé de rúa, entre os clientes habituais que residen ou teñen relación co barrio.

Os puntos Prestogal estarán identificados cun letreiro na porta, e no interior do establecemento haberá uns flyers explicativos do proxecto.

Antecedentes
Hai múltiples exemplos sobre consumo colaborativo no mundo, que son o resultado da integración de catro factores que están a producir un gran cambio dende o hiperconsumo do século XX, cara o consumo colaborativo do século XXI. Estes catro factores recólleos a investigadora Rachel Botsman e son: unha tendencia crecente sobre a concienciación da comunidade, un aluvión de redes sociais e tecnoloxías de tempo real, a preocupación cada vez máis xeneralizada sobre o medio ambiente e un entorno de crise económica que muda o comportamento dos consumidores.

O comportamento virtual en webs e redes sociais estase aplicando a realidades na vida cotiá, transformando a nosa relación co medio baseada na satisfacción de necesidades ou experiencias, sen necesidade de acumular obxectos ou telos en propiedade. É dicir, o uso imponse á propiedade dos bens. Estes cambios maniféstanse en tres sistemas de reorganización da nosa relación coa contorna: a prolongación da vida útil dos recursos, un estilo de vida colaborativo e as necesidades de servizo e non da propiedade.

Compartir: