ALCALDÍA

Concello, Cámara e Universidade únense para promover proxectos de emprendemento e innovación empresarial

28/01/2016 O Concello de Santiago, a Cámara de Comercio e a Universidade asinaron hoxe un protocolo para establecer principios de colaboración e fortalecer a unión das tres institucións cara a promover o emprendemento empresarial e a innovación tecnolóxica. No acto estiveron os representantes das tres institucións: o alcalde da cidade, Martiño Noriega; o presidente da Cámara, Jesús Asorey; e o reitor da USC, Juan Viaño.

O protocolo trata de crear unha alianza estratéxica para aproveitar as fortalezas e potencialidades das tres entidades en materia de investigación e transferencia de tecnoloxía, emprendemento e desenvolvemento empresarial e experiencia en políticas activas de emprego e empregabilidade. A intención é traballar xuntos, achegando cada parte os seus recursos e experiencia, co obxecto de alumear novos proxectos tecnolóxicos e ideas de negocio.

Ademais, Concello, Cámara e Universidade traballarán conxuntamente en aras de desenvolver proxectos europeos ou proxectos derivados doutras Administracións públicas, cun horizonte cobizoso que permita, chegado o momento, o deseño de plataformas estables que dean resposta aos actuais retos de máxima competitividade, excelencia e singularidade das propostas.

Martiño Noriega indicou que este convenio chega para consolidar unha colaboración que xa conta con antecedentes. "Establécese un marco estable e societario para xerar emprego, coñecemento e riqueza na cidade", manifestou. Concretou tamén o interese das tres entidades a optar a recursos europeos nas súas diversas vías nos próximos meses.

Pola súa parte, Jesús Asorey destacou a relevancia deste acordo, deseñado para traballar conxuntamente e desenvolver proxectos de emprendemento e novas tecnoloxías. "Colaboraremos en coordinación total, ao amparo dun marco estable que garantirá unha forma máis intensa de traballo", explicou. O presidente cameral asegurou que esta alianza servirá para optimizar os recursos e poder optar a proxectos convocados no novo Programa Marco da Unión Europea 2014-2020.

Juan Viaño lembrou a experiencia adquirida pola USC en materia de emprendemento, coa creación dunha das primeiras incubadoras de empresas de España, UNINOVA, que comezou a operar en 1998 coa intención de contribuír ao lanzamento e consolidación de gran número de empresas baseadas no coñecemento xerado na Universidade.

O reitor sinalou tamén o desenvolvemento nos últimos anos dunha estrutura especializada na transferencia de resultados e emprendemento como é o Edificio Emprendia. "Estas iniciativas xeraron impacto económico e social en actividades como a docencia e a investigación. Creáronse 25 empresas nos últimos dez anos, que produciron máis de 16 millóns de euros e 250 postos de traballo directos", apuntou.

Viaño resaltou o interese da USC en "apostar pola xeración de emprego e o impacto económico por medio dunha colaboración eficiente coa Cámara e o Concello". A colaboración co Concello xa se demostrou co programa Argos de equipos multidisciplinares de emprendedores, e coa Cámara evidenciouse coa execución dun programa de creación de spin-off de ciencias da saúde en colaboración coas Cámaras e Universidades de Oviedo e Zaragoza en 2012.

Ampla experiencia
Tanto o Concello como a Cámara de Comercio e a USC contan cunha ampla experiencia no deseño, desenvolvemento e implementación de transferencia e emprendemento. Así, o Concello de Santiago ten, como obxectivo do seu programa de dinamización económica Compostela Móvese, o propósito de colaborar de forma estreita coa Universidade de Santiago como motor de coñecemento e elemento definitorio da cidade, ademais de apoiar a I+D+i para incrementar o nivel de competitividade do tecido empresarial e xerar emprego de calidade.

Para conseguir a efectividade deste acordo, a Cámara de Comercio aportará a súa experiencia na prestación de servizos vinculados ao emprendemento e a súa capacidade para executar programas orientados ao fomento dos valores emprendedores na sociedade e a creación de novas empresas. Igualmente, a Cámara conta con experiencia contrastada na xestión de incubadoras empresariais a través do seu propio viveiro, situado no polígono de Costa Vella. Constitúe un espazo físico onde se ofrecen locais de traballo, formación e asesoramento para cubrir as necesidades básicas das pequenas e medianas empresas e conseguir a mellora das súas expectativas de supervivencia.

Doutra parte, a Universidade ten como funcións a difusión, valorización e transferencia de coñecemento ao servizo da cultura, da calidade de vida e do desenvolvemento económico e social de Santiago e de toda Galicia. Tamén a USC poderá aportar a súa potencialidade en diversos ámbitos de investigación.

Compartir: