XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a programación dos centros socioculturais para o primeiro trimestre do ano

22/01/2016 A Xunta de Goberno aprobou este venres a programación de actividades regulares dos centros socioculturais para o período comprendido entre xaneiro e marzo de 2016. Tamén se deu o visto bo a un novo convenio coa asociación Cidade Vella.

A programación sociocultural, que se vai desenvolver nos 41 centros da rede municipal, ten como obxectivo ofrecer propostas de lecer no contorno dos barrios e parroquias de Compostela, promover a dinamización sociocultural, e fomentar ferramentas de participación da cidadanía desde a acción sociocultural. As actividades programadas organízanse en torno a diversos eixes temáticos, coma o xogo, a plástica, a saúde e a calidade de vida, as artes escénicas, a formación, a lectura e a participación cidadá. Tamén se prevén cursos, obradoiros, monográficos e excursións.

As actividades previstas terán un custo de 71.400 euros, e o Concello prevé ingresar por elas 51.112,38 euros.

Convenio con Cidade Vella
Tamén a proposta da concelleira de Acción Cultural, a Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación Cultural Cidade Vella, para impulsar a realización de actividades culturais que contribúan a dinamizar a cidade histórica. O acordo, que non ten custo algún para o Concello, contempla unha programación con contacontos, monólogos e teatro de cámara, maxia, clubs de lectura, música, sesións de DJs e exposicións.

As actividades culturais para as que se empregue amplificación de son deberán desenvolverse nun horario que non exceda das 00:00 horas, agás as noites dos venres e sábados, que non excederán das 01:00 horas. As actividades culturais que non empreguen equipos de amplificación de son poderán desenvolverse no marco do horario de apertura do local.

O secretario da Xunta de Goberno, Xan Duro, explicou que este convenio entre o Concello e Cidade Vella se aprobará cunha periodicidade de tres meses, prazo solicitado pola Asociación Cultural para poder facer a súa programación.

Subvencións e convenios
A Xunta de Goberno tamén deu conta hoxe da concesión ao Concello, por parte do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, dunha subvención ao transporte colectivo urbano interior por un importe de 405.812,8 euros.

Ademais, a Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo acordou solicitar dúas subvencións distintas á Consellería de Economía, Emprego e Turismo. A primeira, por un importe de 23.000 euros, permitirá afrontar o 54 por cento das retribucións dunha orientadora laboral para actividades de formación. A segunda axuda non ten fixado un importe, pero solicítase para cubrir a totalidade dos custos de dúas actividades formativas relacionadas coas instalacións solares térmicas, no centro de San Xoás de Aríns.

Por último, a Xunta de Goberno deu conta da sinatura dun convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, co obxectivo de financiar o programa para facilitar os procesos de erradicación do chabolismo e a infravivenda. O acordo supón que a institución provincial fará unha achega de 30.000 euros para cubrir parte dos custos salariais dunha educadora social. Os 21.667,48 euros restantes da retribución correrán a cargo do Concello.

Documentos relacionados



Compartir: