TURISMO

Nova web e aplicación móbil con información sobre accesibilidade turística das Cidades Patrimonio da Humanidade

22/01/2016 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE) presentou en Fitur 2016 a súa nova páxina web e aplicación móbil Ciudades Patrimonio Accesibles. Ambas ferramentas foron creadas polo GCPHE coa colaboración da Plataforma Representativa de Persoas con Discapacidade Física (PREDIF) e coa colaboración no seu financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Belas Artes.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asistiu no stand de Turespaña á presentación destas ferramentas xunto cos demais rexedores das Cidades Patrimonio. Participaron na mesma Isabel Borrego, secretaria de Estado de Turismo; Marta Branco, directora xeral de Turespaña; José Luis Rivas, presidente do GCPHE e alcalde de Ávila; e Francisco Sardón, presidente de PREDIF.

A nova web, www.ciudadespatrimonioaccesibles.org, recolle a información sobre o nivel de accesibilidade de rutas urbanas e puntos de interese turístico das 15 cidades que forman parte do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

A información das rutas e puntos de interese turísticos é descritiva para que cada persoa poida realizar unha elección en función das súas necesidades específicas de accesibilidade. Toda esta información foi verificada in situ polos técnicos de PREDIF de acordo cun protocolo de comprobación da accesibilidade específico para establecementos turísticos. A información de Úbeda e Baeza foi recollida en 2015 e a do resto de cidades actualizada en 2014.

Parte da información está dispoñible en Lectura Fácil, un método de redacción que fai accesible os textos a persoas con dificultades de comprensión lectora como, por exemplo, algunhas persoas con discapacidade intelectual.

A páxina web é "responsive" e a súa aparencia adáptase ao tipo de dispositivo dende o que se está consultando. Ademais, cumpre cos criterios de accesibilidade do nivel AA establecidos pola WAI (Web Accessiblity Initiative) do W3C (World Wide Web Consortium).

A información publicada na web está tamén dispoñible na aplicación móbil de turismo accesible TUR4all, promovida por PREDIF e a Fundación Vodafone España, e na app Cidades Patrimonio Accesibles. Todas estas ferramentas nútrense da mesma base de datos e ofrecen información sobre aloxamentos, restaurantes, oficinas de turismo, monumentos, museos e centros culturais, espazos lúdicos, espazos de congresos, espazos naturais e rutas peonís.

A aplicación Cidades Patrimonio Accesibles é gratuíta. Os seus contidos facilitan a planificación da visita ás cidades Grupo e a propia experiencia en cada cidade. As funcións da app son as seguintes:

- Cidades: proporciona a información das rutas e puntos de interese turísticos accesibles das 15 Cidades Patrimonio.

- O máis próximo: recoñecendo a posición GPS do usuario permítelle identificar as cidades e puntos de interese turístico máis próximos, e a ruta ata eles a través do navegador que utilice por defecto no móbil ou na tablet.

- Buscador: permite localizar as rutas e puntos de interese turístico segundo a cidade, tipo de establecemento ou por palabra clave, e acceder á información que lle interesa.

- Axenda: ofrece a información sobre os eventos máis recentes que se celebrarán nas 15 Cidades Patrimonio.

A aplicación está dispoñible en Android e iOS.

Compartir: