ESPAZOS CIDADÁNS

O Concello construirá un aparcadoiro na avenida de Ferrol para satisfacer as demandas veciñais do barrio de Conxo

22/01/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, reuniuse este xoves cos representantes da asociación de veciños Conxo Aberto e a de comerciantes Esperta Conxo.

O concelleiro trasladoulles as principais conclusións da xuntanza mantida polo alcalde da cidade, Martiño Noriega, coa Ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, quen fixou o mes de maio como data de finalización das obras do túnel de Conxo.

Jorge Duarte transmitiulle á veciñanza que o Concello lle remitirá a Fomento a proposta que se consensuou entre as asociacións do barrio e o propio Concello para a humanización do trazado superior da rotonda, unha das demandas que Noriega lle trasladou á ministra na xuntanza mantida esta semana.

Aparcadoiro
Jorge Duarte explicoulles tamén o plan que baralla o Concello para mellorar o aparcamento na zona, que resposta tamén ás demandas do barrio. O Goberno municipal ten presupostados 200.000 euros para a construción dun estacionamento na avenida de Ferrol, como resposta a unha das principais demandas que veciños e veciñas lle trasladaron ao alcalde en sucesivas xuntanzas.

O goberno local estudará ademais máis opcións para o barrio de Conxo e outras alternativas para o aparcamento na zona.

Compartir: