SAÚDE

Reactivado o Consello Municipal da Saúde

19/01/2016 A concelleira de Políticas Sociais presidiu este martes unha reunión do Consello Municipal de Saúde, a primeira que se celebra dende o ano 2006. Foi unha primeira xuntanza de carácter informativo, xa que a constitución oficial do órgano terá lugar despois do Pleno do mes de febreiro, no que se debaterá a proposta de nomes para integralo. Así se acordou na reunión desta tarde, na que estiveron representados os catro grupos políticos da Corporación municipal, así como os representantes da Administración sanitaria e de colectivos que teñen vinculación con esta área.

Concha Fernández propuxo na reunión de hoxe que, unha vez estea constituído oficialmente o Consello Municipal da Saúde, se celebren reunións con carácter trimestral. O primeiro obxectivo será actualizar o regulamento do órgano, que data de 2003. A máis longo prazo, o Consello deberá elaborar un Plan Municipal de Saúde.

O Consello Municipal da Saúde é un órgano colexiado de participación comunitaria para a consulta e seguimento da xestión sanitaria no ámbito municipal. Segundo o actual regulamento, o órgano está presidido polo alcalde, e del forman parte o concelleiro que teña delegadas as competencias de Sanidade, representantes dos grupos da Corporación municipal, da Administración sanitaria, da Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Santiago, dos colexios profesionais, das asociacións de usuarios e de colectivos veciñais. O regulamento sinala que o Consello debe reunirse de xeito ordinario unha vez por semestre, se ben iso non se cumpriu desde o ano 2006.

Compartir: