POLÍTICAS SOCIAIS

A concelleira de Políticas Sociais valora a primeira parte do programa de atención a persoas sen teito, que continuará cunha segunda fase neste primeiro trimestre do ano

19/01/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, deu conta este martes dos primeiros resultados do programa municipal de axuda a persoas sen fogar, desenvolvido en colaboración con FEAFES e Cruz Vermella. Os beneficiarios e beneficiarias do programa foron persoas con enfermidade ou trastorno mental, persoas sen fogar ou sen teito e en risco severo de exclusión social. A edil amosouse moi preocupada pola problemática das persoas sen teito que carecen de redes de apoio sociofamiliares e levan asociados problemas de saúde moi difíciles de atallar.

Segundo apuntou a concelleira, que estivo acompañada na rolda de prensa polo director de FEAFES, Antonio Hernández, e polo coordinador en Santiago de Cruz Vermella, Santiago López, o retrato das persoas que están na rúa sempre tende á xeneralización, sobre todo porque non hai estudos específicos, concretos e sistemáticos nin en Galicia nin para o conxunto do Estado. Partindo do que se atopa en diversos estudos e no traballo de rúa levado a cabo, podemos acercarnos a un perfil xenérico e outro mais próximo a nosa realidade na cidade. Hai catro tipos de persoas sen teito:

- Sen aloxamento: Persoas que viven na rúa a intemperie ou nun espazo público que poida ser definido como vivenda (común en Santiago) . Tamén se inclúen as persoas en aloxamentos de emerxencia.

- Sen vivenda: Persoas en aloxamento para persoas sen fogar que viven en intervalos curtos en hostalería, aloxamentos temporais ou transitorios de apoio.

- Vivendas inseguras: Persoas que viven en aloxamento inseguro, sen dereitos legais ou en condicións de ocupación sen dereito. Tamén persoas que viven baixo a ameaza de violencia por parte de persoas coas que habita.

- Vivendas non axeitadas: Persoas que conviven en aloxamentos móbiles, construcións que non constitúen vivendas convencionais o estruturas semitemporais.

Os perfís das persoas sen teito de Santiago teñen entre 18 e 74 anos, cunha media de 46 e estudos primarios ou sen eles. Trátase tamén de persoas desempregadas de longa duración, nos que priman os trastornos psicóticos, de personalidade, de estado de ánimo e patoloxía dual (especialmente alcoholismo). Existe bastante homoxeneización entre homes e mulleres, o 85% con enfermidade mental en risco de exclusión social severa e o 15% con enfermidade mental grave.

Resumo das intervencións
Dende o mes de novembro, o equipo de rúa de Cruz Vermella fixo 32 saídas, das cales 18 delas foron específicas na zona do Toural-Vilar. En total contactouse con 43 persoas, 28 identificadas e con contacto habitual e 15 sen identificar e de contacto esporádico.

Dentro do programa levado a cabo polo Concello, en colaboración con Cruz Vermella, houbo un total de 8 persoas ás que se lle cubriu o aloxamento en pensións neste período e a mantiveron. Ademais, os equipos consideraron que 5 persoas cumpren os requisitos para cubrir o aloxamento de forma inmediata. Semanalmente, Cruz Vermella realizou 4 rutas de rúa en horario nocturno e diúrno: os luns e mércores de 20:30 a 23:30 e os martes e xoves de 8:00 a 10:30 horas

Entregáronse vales de compra, chubasqueiros, mochilas, gorros, sacos de durmir e diverso material para as persoas sen recursos. Tamén vales de compra e lotes de produto de hixiene persoal.

Housing first
No primeiro trimestre do ano porase en marcha un proxecto para habilitar tres pisos de saída que permitan sacar da rúa a estas persoas. A proposta parte de 6 participantes co seguinte perfil: sen fogar; con trastornos psiquiátricos; carencia de rede sociofamiliar de apoio e soporte vital, deterioro psicosocial no que se refire a hixiene, autocoidado, relacións persoais, manexo social…; mulleres que teñan sufrido violencia de xénero e que acepten voluntariamente participar do proxecto e das súas normas de inclusión.

As características do perfil que se detallan non teñen porque ser excluíntes nin teñen porque darse todas nunha mesma persoa. Os profesionais que participaron nesta primeira parte do programa consideran que houbo unha evolución e que estas persoas tomaron conciencia da necesidade de apoio e acompañamento. Creouse, polo tanto, unha rede sociosanitaria de soporte, mellora da operatividade da intervención e artellamento da estrutura da intervención e inicio da adecuación dos recursos asistenciais.

Dada a dificultade de intervención co colectivo, o seguimento frecuente e sostido no tempo é un factor imprescindible para o éxito da intervención. O protocolo establece a frecuencia mínima de seguimento segundo a fase do proceso na que se encontre a persoa.

Para o correcto seguimento e avaliación da intervención é imprescindible establecer unha comunicación continuada e frecuente entre todos os profesionais implicados, ben sexa de xeito telefónico ou en reunións de equipo.

FEAFES puxo a disposición deste programa a un coordinador, unha educadora social, un pedagogo, dous psicólogos e dous asesores xurídicos. Dende a asociación consideran fundamental a coordinación con saúde mental e drogas, xa que moitas persoas sen teito teñen asociados problemas deste tipo. Ademais de manter xuntanzas de coordinación promovidas polo Concello, estase a manter contactos coa UMAD, a UTA e o Servizo de Saúde Mental do SERGAS para o tratamento desta problemática na súa fase máis aguda e para o posterior seguemento.

Compartir: