ACCIÓN CULTURAL

A compañía Entremans e a bailarina Lisvet Barcia presentan os seus espectáculos de danza no Teatro Principal

19/01/2016 A compañía Entremans presenta en Compostela Blondy's coffee, peza sola para dúas mulleres que sumidas no tedio se refuxian en estraños pasatempos en busca de novas emocións que lles devolvan a súa propia natureza, unha viaxe polo labirinto da mente feminina. Antes diso, poderemos ver Eco hecho carne, na que Lisvet Barcia Cabrera nos fala sobre os cambios interiores que temos nun mesmo instante, ideas e camiños que necesitamos transitar para darnos conta de cal é o correcto. Será este mércores 20 e o xoves 21 de xaneiro, a partir das 20:15 horas, no Teatro Principal.

Eco hecho carne fala sobre os cambios interiores que temos nun mesmo instante, ideas e camiños que necesitamos transitar para darnos conta de cal é o correcto. A enerxía, ritmo corporal e perda de control únense para mostrar como o cambio formal faise cada vez máis visible. Eco hecho carne: resultado da contradición formal e situacións mentais.

En Blondy's coffe, dúas mulleres sumidas no tedio refúxianse en estraños pasatempos en busca de novas emocións que lles devolvan a súa propia natureza, un hábitat onde encontrarse elas mesmas coas súas miserias e as súas grandezas... unha viaxe polo labirinto da mente feminina. Lisvet Barcia representará esta peza de 9 minutos antes da posta en escena da compañía Entremans, cuxo espectáculo ten unha duración aproximada de 50 minutos.

Entradas
As entradas para ambas propostas son a 8 euros; 4 euros para estudantes, xubilados, menores de 25 anos, maiores de 65 anos, desempregados, familias numerosas, familias monoparentais e perceptores de rendas sociais. Auméntanse polo tanto as circunstancias nas que obter descontos en diversas actividades de teatro e danza programadas pola Concellaría de Acción Cultural, Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com e no 902 434 443.

Compartir: