TURISMO

Marta Lois reúnese coa Asociación Turística Comarcal Ría Muros - Noia

13/01/2016 A concelleira de Turismo, Marta Lois, reuniuse esta maña no Pazo de Raxoi co presidente da Asociación Turística Comarcal Ría Muros – Noia, Manuel Lema, e coa secretaria da entidade, Sol Agra. A Asociación está composta por empresas dos concellos de Muros, Outes, Noia, Porto do Son e Lousame.

Os representantes da Asociación explicáronlle a Marta Lois un dos seus principais obxectivos: conseguir que se recoñeza oficialmente o Camiño Inglés de Santiago que comeza en Muros. A primeira referencia documentada que se conserva desta ruta remóntase ao ano 1.147, cando 200 naves de cruzados procedentes do sur de Inglaterra desembarcaron na pequena aldea de Noia para ir a Santiago.

Segundo o profesor Pedro García Vidal, a fundación dos núcleos costeiros de Muros e Noia debeuse máis a motivos económicos que militares, e a chegada por mar de peregrinos que ían a Santiago tivo moito que ver co desenvolvemento económico das dúas vilas na época medieval. Segundo a investigadora Elisa Ferreira, na época medieval Noia era coñecida como "O porto de Santiago", xa que alí desembarcaban a maior parte dos peregrinos que chegaban por mar.

A Asociación Turística Comarcal Ría Muros – Noia presentou xa ante a Xunta de Galicia a solicitude para o recoñecemento oficial do Camiño Inglés de Santiago que comeza en Muros. Esta solicitude está asinada polos alcaldes de todos os concellos polos que pasa a ruta, e conta ademais co apoio de todas as asociacións que conformaban o antigo GDR da comarca composta polos concellos de Muros, Outes, Noia, Porto do Son e Lousame.

Neste momento, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural é a encargada de valorar se existe fundamentación histórica para asignar esta ruta a algún dos Camiños recollidos na Lei de Protección dos Camiños de Santiago. Se fose así, a propia Dirección Xeral sería a encargada de delimitar o Camiño oficial, tomando como base de partida o antigo Camiño Real que unía Muros e Noia con Santiago. O último paso para o recoñecemento da ruta sería a publicación no DOG dos planos que recollerían o seu trazado oficial.

Compartir: