IGUALDADE

Máis da metade do alumnado de ESO e Bacharelato coñece relacións de parella nas que existen actitudes violentas

13/01/2016 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, presentou este mércores o resultado dun estudo sobre percepción da violencia de xénero entre a poboación adolescente, que se levou a cabo no marco da campaña do 25N - Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A actividade desenvolveuse nos IES Pontepedriña, Antonio Fraguas, Fontiñas e Xelmírez I, e permitiu contrastar a visión que tiña o alumnado sobre o machismo e a desigualdade entre homes e mulleres antes e despois dunha serie de obradoiros e dun espectáculo teatral sobre esta temática. O estudo desvela que estas actividades conseguen aumentar a concienciación dos adolescentes ante actitudes machistas e violentas na sociedade en xeral e nas relacións de parella en particular

O 45% dos alumnos sinalaron, antes dos obradoiros, que na sociedade actual existe igualdade de oportunidades, porcentaxe que baixou ao 22% despois do traballo nas aulas. Mentres, a porcentaxe dos rapaces que cren que vivimos nunha sociedade machista pasou do 85% ao 90%.

Tendo en conta eses datos, a concelleira de Igualdade incidiu na importancia das actividades de concienciación, sobre todo con colectivos sensibles coma o dos estudantes de ESO e Bacharelato. Marta Lois explicou que estes obradoiros nos institutos foron "un primeiro paso, un piloto para construír unha estratexia de abordaxe da violencia de xénero entre o público adolescente". Para a edil, "é necesario actuar no campo da prevención, para que non teñamos que seguir saíndo cada semana ás portas do Pazo de Raxoi a gardar un minuto de silencio en memoria dunha nova vítima da expresión máis extrema da violencia de xénero".

A violencia nas parellas adolescentes, máis frecuente do que pensamos
Un dos datos máis preocupantes do estudo sinala que o 54% dos alumnos de entre 14 e 18 anos coñece parellas nas que existen actitudes violentas. O 31% dos rapaces sinala que a violencia de xénero nace de problemas na parella, e o 69% apunta que é consecuencia da educación, da falta de sensibilización en igualdade de oportunidades e dos roles e estereotipos. Ademais, o 73% do alumnado relacionaba a violencia de xénero coas clases sociais baixas, pero esa porcentaxe reduciuse ao 28% despois dos obradoiros de sensibilización.

En canto aos celos, o estudo indica que o 36% dos estudantes considéranos normais nas relacións de parella, e para o 18% son incluso un sinal de amor. Neste caso, detectáronse diferenzas entre as opinións de homes e mulleres. No caso das rapazas, o 64% considera que os celos son un problema de parella, fronte ao 45% dos rapaces. Como dato máis positivo, a maioría do alumnado identifica os insultos como violencia de xénero (o 88% antes dos obradoiros e o 93% despois). Por último, o 22% dos estudantes considera que existen "bastantes" denuncias falsas de violencia de xénero.

Conclusións
O estudo realizado nos catro institutos de Compostela desvela que os adolescentes identifican os síntomas da violencia de xénero, pero existe un problema de tolerancia ou normalización dos mesmos, común a homes e mulleres. Os rapaces asumen que vivimos nunha sociedade machista, pero entenden que a pesar de todo existe unha grande evolución na igualdade de oportunidades nos eidos laboral, político e da participación pública.

No que ten que ver coas relacións de parella, o informe advirte de que a posesividade e o control é cada vez maior nas parellas adolescentes, instrumentalizadas a través das novas tecnoloxías e, sobre todo, do Whatsapp. Tamén se detecta un incremento das actitudes submisas por parte das mulleres, e alértase da supervivencia do mito dos celos como mostra de namoramento.

O estudo foi realizado pola consultora Promove. Proxectos e Persoas entre o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato dos IES Pontepedriña, Antonio Fraguas, Fontiñas e Xelmírez I. Nas enquisas participaron 367 rapaces, dos que o 48% eran mulleres e o 52% homes. As súas idades oscilaban entre os 14 e os 18 anos, se ben a maioría, o 54%, tiñan 16 anos.

A sondaxe fíxose despois de obradoiros de traballo nos que, segundo explicou Fátima Rodríguez, de Promove, "se revisaron contos tradicionais, películas, series e mesmo cancións nos que se transmiten estereotipos machistas". Os rapaces tamén asistiron a unha representación teatral a cargo da compañía Chévere, As fillas bravas, na que tamén se reflexiona sobre os roles de xénero e o papel da muller na sociedade.

Documentos relacionados



Compartir: