EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Unha festa no CEIP Raíña Fabiola clausurou o Programa de Conciliación do Nadal

05/01/2016 O Programa Municipal de Conciliación Nadal 2015 clausurouse cunha festa no CEIP Raíña Fabiola, un dos centros, xunto ao CEIP As Fontiñas, onde se desenvolveron as diferentes actividades durante estas datas festivas. Ao longo destes días, participaron no programa 76 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos (41 no CEIP Raíña Fabiola e 35 no CEIP As Fontiñas), dos que 38 utilizaron o servizo de comedor e 11 o servizo de madrugadores.

O acto de clausura incluíu, entre outras actividades, un obradoiro de maquillaxe circense- temática sobre a que xirou o programa nesta edición- e unha festa final con xogos e música tradicional galega á que asistiron uns 45 nenos e nenas que participaron estes días nesta proposta municipal. Foi ademais unha oportunidade de encontro e socialización entre os máis pequenos.

O programa municipal de conciliación Nadal 2015 realizouse durante o período das vacacións de Nadal 2015 (21, 22, 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro de 2015, 4 e 5 de xaneiro de 2016). Esta proposta comprendeu un conxunto de actividades realizada nas instalacións do CEIP As Fontiñas e do CEIP Raíña Fabiola, destinadas á poboación escolarizada en educación infantil e primaria do municipio de Santiago.

O horario do programa foi de 9:00 a 14:00 horas e ofreceuse a posibilidade de que as familias puidesen solicitar ademais un servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 a 9:00 horas no CEIP As Fontiñas ) e un servizo de comedor (de 14:00 a 16:00 horas) nos dous centros.

Este programa concíbese como un espazo educativo, de promoción do ocio e o tempo de lecer, ademais dun recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións.

Compartir: