COMERCIO

O luns péchase o prazo de inscrición no Concurso de Ambientación de Nadal dirixido a establecementos comerciais e hostaleiros

18/12/2015 Este vindeiro luns, 21 de decembro, péchase o prazo para que comercios e establecementos hostaleiros participen do Concurso de Ambientación de Nadal que convoca o Concello de Santiago.

O obxectivo desta actividade reside en visibilizar o atractivo da nosa cidade mediante o recoñecemento á realización de intervencións artísticas ou decorativas nos escaparates e fachadas dos nosos comercios, restaurantes e demais establecementos de hostalería e restauración do municipio.

A técnica, materiais e estilo serán libres e a inscrición poderá realizala o profesional encargado de dirixir a intervención ou o titular do establecemento a través da web do Departamento de Comercio. En todo caso debe formalizarse entregando no Rexistro Xeral ou auxiliares municipais o modelo da solicitude formalizado, o NIF/CIF da persoa física ou xurídica, a declaración responsable de non estar incurso en débedas e as fotografías ou vídeos que amosen a intervención realizada. Poderán enviarse a comercio@santiagodecompostela.gal ou ben achegarse en CD ou DVD xunto co resto de documentación.

Xurado
Terá en conta a calidade técnica, o aproveitamento dos recursos propios, a orixinalidade e a innovación nos contidos e nos formatos, a exposición do produto, unidade e composición. Estará formado pola concelleira de Comercio, un representante do Departamento, representantes das asociacións de comerciantes da cidade e un profesional do sector do interiorismo e a decoración.

O premio está dotado con 450 euros e a intervención gañadora manterase polo menos ata o 31 de decembro de 2015.

Compartir: