ACCIÓN CULTURAL

Maxia, danza, teatro e música na axenda cultural desta fin de semana e luns

18/12/2015 A Concellaría de Acción Cultural propón ata sete citas culturais coa danza, maxia, teatro e música para esta fin de semana e luns. Sábado teremos un espectáculo de maxia con varios magos galegos e danza con Los INNato; domingo temos nova función con Los INNAto, ademais do concerto inaugural de Todo Lírica e o de Nadal da Banda; e xa o luns haberá teatro infantil e un concerto de góspel. As entradas para todos os eventos que son de pago (o da banda é de balde) poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou nos recintos de cada un dos eventos.

Nadal Máxico é un espectáculo creado pola Asociación de Magos Profesionais de Galicia estruturado en formato gala, presentado polo Mago Antón e con Kiko Pastur, Mago Richard, Mago Benxamín, Cayetano Lledó, Mago Norberto e Javier Muro. Cada un dos magos amosará o mellor do seu repertorio. O resultado é un show onde o público non terá acougo, de principio a fin. O mellor da maxia galega resumido en 75 minutos de maxia. O prezo é de 5 euros habendo un bono familiar coa cal polo prezo de tres entradas, retíranse catro.

No/Nato con Los Innato
O colectivo de danza Los INnato / Residentes en Costa Rica, fundado por Marko Fonseca e José Raúl Martínez no ano 2009, mantén actualmente un traballo de investigación e colaboración con diferentes artistas do medio: actores, bailaríns, fotógrafos, arquitectos, vestuaristas, modelos, etc. Ofrecen obradoiros/workshops de danza para principiantes e profesionais en diferentes centros educativos tanto en Costa Rica como fóra dela. Preséntannos este sábado, ás 19:00 horas, no Teatro Principal, LOS Innato. O prezo é de 8 euros.

Concerto de Nadal da Banda Municipal O domingo, ás 12:00 horas, no Auditorio de Galicia, Uxía Senlle, o Cantorum Compostellana Coniujctio, a Banda de Gaitas de Forcarei e o grupo de baile tradicional Xirandola acompañarán a Banda Municipal de Santiago no seu concerto de Nadal. Estarán dirixidos por Juan Miguel Romero LLopis e o coro por Anxo Abel. A entrada é libre ata completar aforo.

Concerto inaugural de Todo Lírica
O ciclo Todo Lírica chega á súa 15ª edición con tres concertos. Este domingo 20 de decembro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, teremos á soprano Carmen Solís acompañada do pianista Rubén Fernández Aguirre cun programa de cancións de berce e Verdi.

O mércores 23 de decembro serán as sopranos Belén López León e Ruth González e o barítono Elías Benito Arranz acompañados ao piano por Rubén Fernández Aguirre e con Quico Cadaval como narrador os que estarán no Teatro Principal presentando Unha educación incompleta, opereta de Chabrier para tres cantantes e piano.

Pecharase esta XV edición o luns 28 de decembro da man do tenor Zapata, Claudio Constantini ao piano e bandoneón, e Juan Franciso Padilla na guitarra, que nos ofrecerán un programa de tangos en Gardel mediterráneo. O prezo das entradas é de 8 euros por concerto e un abono para os tres por 16 euros.

Improcadabra, con Los Duguis Impro
Improcadabra, de Los Duguis Impro, estará no Teatro Principal este luns ás 19:00 horas. Tres bruxiñas viaxeiras, un caldeiro máxico e marabillosas historias que aparecerán por encantamento diante dos nosos ollos. As Bruxas Pata de Cabra son especialista en contar as mellores historias, sempre axudadas dos seus pequenos aprendices de bruxo e as súas palabras máxicas. Un espectáculo de improvisación teatral dirixido ao público infantil que favorece a implicación e participación dos pequenos na creación das súas historias. O prezo é de 5 euros, habendo un bono familiar coa cal polo prezo de tres entradas, retíranse catro.

Chicago Mass Choir
Chicago Mass Choir, desde o respecto e a fidelidade á tradición do góspel, presenta no Nadal do 2015 A spiritual tribute to B.B. King, unha sentida homenaxe ao rei do blues e lenda da música popular americana. Chicago Mass Choir reproduce a música puramente góspel que gravou o gran mestre en 1959, nun disco que foi un marabilloso recoñecemento a todos os cantantes anónimos que inspiraron a xeracións de profesionais.

Con este tributo, Chicago Mass Choir volve traer aos escenarios os vellos himnos que traen ao presente o lume e a beleza do pasado. O prezo das entradas é de 20 euros. O concerto celebrarase o luns, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia.

Compartir: